Accesibilidad

Noticias 

Queremos que o 31 de marzo sexa declarado coma o Día Europeo de Loita contra o Despoboamento.

Contra as políticas que queren esmagar o noso modo de vida e o noso medio de vida

29/03/2024 | A Limia

Cando o CDR naceu alá polo 1990 (considerando esta data e non a de 1985 na que comezamos como Asociación Cultural O cruceiro) na Limia viviamos 30.000 persoas. En pouco máis de trinta anos perdemos unha de cada tres e agora non chegamos a 20.000. Será a Limia unha desas zonas baleiras que ás veces vemos nas películas? Canto tempo terá que pasar? Canto pode un pobo aguantar unha agonía?
Podería parecer que falamos dunha película de terror pero non é así, para nada é así. A vida na Limia é unha serie de ficción que temos a sorte de protagonizar, chea de tramas e aventuras. Chea de capítulos e de tempadas. No CDR estamos emocionadas e emocionadas co seguinte capítulo e coa seguinte tempada. Poderiamos dicir que estamos “enganchadas e enganchados” a esta sitcom (comedia de situación) que se ambienta nun lugar do mundo atravesado por un río milenario, estendido ó longo dunha fértil chaira e escoltado por impoñentes montes. Pagarían as produtoras cinematográficas millóns e moreas por un decorado así e nós xa o temos e é noso. En calquera serie as tramas dan voltas e reviravoltas e malia os desgustos e problemas, moitas veces acaban ben.
A Limia é unha desas bisbarras rurais que cada 31 de marzo berra contra as políticas que queren esmagar o noso modo de vida e o noso medio de vida. Dende 2019 sentímonos con máis forza e acompañamento porque son moitas as comunidades rurais que erguen a súa limpa fronte e nun acto de heroica rebeldía din que non comulgan con rodas de muíño (sexan dos que teñen moas e trituran fariña ou sexa dos que teñen aspas e trituran montes).
A Revolta da España Baleirada apunta agora cara Europa. Seica os argumentos dos próximos capítulos os escriben alá así que cara alá miramos. Queremos que o 31 de marzo sexa o día europeo da loita contra o despoboamento e imos intentar que cada día máis xente vexa esta serie que se está poñendo moi emocionante.
Continuará...
Na lembranza aquel 31 de marzo de 2019 en Madrid onde estivemos esixindo atención y acción fronte ó drama do despoboamento. O noso compromiso incansable con esta causa xusta demostrando que o noso corazón segue latexando con forza. Que ser menos non resta dereitos. Dende o CDR  impulsaremos proximamente unha campaña promovendo que os Concellos da Comarca aproben unha moción para que o 31 de marzo sexa declarado coma o Día Europeo de Loita contra o Despoboamento.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias