Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 05/12/2023 | Voluntariado 2023 6

Comprometidas cunha cosmovisión da persoa e da realidade que queremos construír

Día internacional das persoas voluntarias

05/12/2023 | A Limia

O voluntariado é unha ferramenta máxica para dar, para recibir e para sentir que formamos parte dun equipo que rema na mesma dirección na procura dun obxectivo compartido.
Son moitos anos os que levamos traballando na Comarca da Limia, e sempre grazas á labor das persoas voluntarias que contribuímos co noso tempo (vida), o noso sorriso, os nosos coñecementos, o noso compromiso a reocupar o poder que temos a cidadanía, a veciñanza, de transformar e mellorar a nosa realidade.
Ser  voluntarias ou voluntarios nunha organización, xorde, moitas veces, dun sentimento de pertenza; sentímonos parte da entidade.... Na actualidade hai moitas persoas que forman parte como persoal laboral pero o CDR é unha entidade que nos primeiros anos de vida non tiña persoal contratado. Hai xente que estaba e segue a estar. Xente que estivo e xa non está; moita dela porque xa finou. E facemos un chamamento a que outras se sigan incorporando porque non só outro mundo é posible senón que este mundo é imposible desde o momento que seguen a aumentar os procesos de exclusión e marxinación.
Hoxe, no Día internacional do voluntariado queremos agradecer especialmente ás persoas voluntarias no CDR O Viso o seu compromiso por conseguir un rural máis habitable e habitado. E tamén a todas as que formando parte como persoal asalariado dan o mellor de si non só como profesionais eficaces e eficientes no seu cometido senón e tamén porque son expresión de solidariedade, gratitude, xenerosidade, altruísmo; persoas militantes que son moi conscientes do sentido e alcance do seu actuar, comprometidas cunha cosmovisión da persoa e da realidade que queremos construír; persoas solidarias a tempo completo que vivimos o conflito permanente entre a dura realidade e a utopía da primacía do ben común sobre os egoístas intereses de cadaquén.   
Neste ano imos salientar a persoas participantes no Programa Biocoidados que se incorporaron ó voluntariado do CDR O  Viso, coma unha forma de participación social nalgunhas das actividades que desenvolvemos día a día. Por exemplo,  Mateos está a participar na recepción e colocación de alimentos doados que recibimos diariamente no CDR O Viso e que logo son destinados a familias que o precisan. Lourdes, Susana e Verónica son persoas que colaboran na organización das visitas que fan os grupos para coñecer o noso traballo en Lodoselo, Carlos comezará proximamente colaborando na pintura e decoración do centro Social de Rebordachá… Estas colaboracións e moitas máis son feitas con agarimo e son expresión de “querer ser”, “querer facer”, “querer estar” e “querer dar” . Graciñas a todas e todos.
https://youtu.be/CmfgOIfQ6zg

Arquivada en:
Infórmate > Noticias