Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 18/08/2023 | Comedor a domicilio. Piñeira Seca

A Deputación subvenciona, un ano máis, o noso proxecto integral de intervención actualizado

Somos o que facemos; grazas a quen o fai posible

18/08/2023

A Deputación outórganos, un ano máis,  15.000 euros de acordo coa Resolución do concurso público para a concesión de subvencións para proxectos de prestación de servizos sociais para o ano 2023.
O proxecto do CDR é un proxecto de continuidade (dende o ano 1991);  un proxecto integral de intervención, actualizado, co que pretendemos seguir achegando actuacións preventivas e de dinamización da comunidade aportando solucións innovadoras ás necesidades cotiás. Damos cobertura a moitas das necesidades da poboación limiá cun enfoque moi específico.
A soidade das persoas maiores, a crise demográfica, a falla de políticas de conciliación real, a fenda dixital, a falta de oportunidades laborais... fan imprescindible a continuidade do noso proxecto integral dirixido a toda a comunidade.

Somos referencia na atención ás persoas maiores, persoas con discapacidade, a persoas/familias en risco de exclusión da comarca da Limia. Así na área de Atención á comunidade e servizos de proximidade desenvolvemos o Programa de emerxencia ás necesidades básicas e outros recursos, o servizo de comedor social a domicilio e no centro (en Lodoselo, Sarreaus), a vivenda comunitaria, o servizo de lavandaría e hixiene persoal, o servizo de préstamo de axudas técnicas, acompañamento a citas e xestións, transporte adaptado ... etc.

Pero tamén a Atención psicolóxica e terapia ocupacional no centro e a domicilio: atención psicosocial e de terapia ocupacional nos fogares das persoas maiores e persoas con discapacidade para garantir a súa saúde emocional e mental.
E a alfabetización dixital para persoas maiores: talleres de aprendizaxe e uso básico do teléfono móbil, tabletas e outros dispositivos. Porque seguimos sendo conscientes da dificultade de moitas persoas, participantes nos programas do CDR, no manexo destas ferramentas para case todo tipo de xestións.

Na área educativa e de conciliación traballamos a prol da conciliación real da vida persoal, familiar e laboral das familias da comarca tendo en conta ademais as necesidades afectivas, sociais e emocionais da infancia. Co Concilia no rural: actividade socio educativa dirixida á infancia (3-12 anos) para garantir a conciliación das familias que residen nas aldeas da comarca durante todo o ano e especialmente nos meses de xullo e agosto, pondo en valor a contorna natural e social, o sentir comunitario e a vivencia interxeracional exercendo discriminación positiva cara as persoas que apostan por vivir nas aldeas limiás.

Na área de inclusión social e laboral facemos un traballo de información, asesoramento e apoio socio laboral a persoas en risco de exclusión; atención a persoas en risco de exclusión social para mellorar as súas capacidades persoais e laborais, mellorar a súa empregabilidade e calidade de vida; tamén con itinerarios personalizados de inserción social e laboral.

E na área do reto demográfico temos o programa de sensibilización e concienciación sobre o despoboamento e a necesidade de emprendemento no medio rural. Achegamos ás novas persoas poboadoras: información e asesoramento continuado sobre recursos, axudas, accesos á vivenda e servizos dispoñibles tanto públicos como privados na comarca; acompañamento e axuda na realización de xestións que faciliten a incorporación de novas familias na nosa comunidade.
Agradecemos a valoración que se fai e os medios que posibilitan o noso traballo; o empeño permanente de adaptación e flexibilidade do proxecto para dar resposta ás necesidades das persoas e da comunidade en xeral. A innovación facendo o que as comunidades levan feito desde todos os tempos: coidarse, axudarse, apoiarse e cooperar en practicamente todos os aspectos vitais. A aposta pola calidade como proceso de cambio e busca permanente, por innovar facendo da mellora continua unha das nosas orientacións básicas. 
O C.D.R. “O Viso” conta co certificado de xestión da calidade en base á norma UNE-EN ISO 9001:2015 aplicable ós servizos do Centro de Inclusión, Comedor Social e os destinados á prevención da dependencia e promoción da autonomía persoal. Con esta certificación mantense o compromiso permanente de formación continua do persoal, a autoavaliación dos programas efectuados. A nosa experiencia xa aparece recollida na publicación da Xunta de Galicia na Estratexia Galega de Envellecemento Activo desde a Innovación 2016-2020.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias