Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 11/04/2024 | Cortes de la Frontera 2

Participamos no I Congreso Internacional de Educación Rural do século XXI: Necesitámonos

11/04/2024

Despois dunha longa viaxe de ida e volta queremos difundir algo do compartido neste Congreso de educación rural no que participamos en Cortes de la Frontera (Na Serranía de Ronda).
Na apertura destacar as palabras de benvida e agradecemento do alcalde así como a mensaxe que aquela mesma mañá lle enviara polo wasap unha veciña (a denuncia recibida por terlle como bebedoiro ó gando no monte unha bañeira). Do resto de autoridades na mesa: Honduras, Ministerio de Educación, Ministerio de Agricultura, Universidade de Málaga, Junta de Andalucía e COCEDER / CAS un primeiro baño de palabras que nos sitúan: saber popular, universalización, cultura ambiental, educación inclusiva, cultura campesiña, sostibilidade, prosperidade, compromiso social, innovación, relevo, transformación, oportunidade, futuro...
A continuación a ponencia marco. Con Jaime Izquierdo que acaba de ser noticia porque é un dos cinco Bos e Xenerosos, premiados pola Fundación Pondal deste 2024. O segundo na historia deste premio ó que se concede sen ser galego. Para lembrarnos que nos temos equivocado, que o campo non alimenta á cidade (que tampouco é a polis que crearon as aldeas), alimenta a industria. Da necesidade dunha educación para o arraigo, porque temos que ser dalgún sitio, ter raíces.
Ó longo dos dous días e medio catro mesas de debate con catro áreas temáticas para reflexionar sobre a agroecoloxía e a economía dos coidados, sobre modelos socioeducativos, planificacións curriculares e as aprendizaxes da educación paralela. Nesta, tocounos presentar  unha perspectiva da educación moi querida para nós. A de Preescolar na Casa. A utopía realizable e realizada que a tantos nos marcou e pasou a ser irrenunciable: estar e ser. Fronte ás vidas aprazadas (estar pero non ser): a gran estafa da xente que ten que estar fóra do traballo para ter vida.  
E moito máis: cinco mesas con riquísimas comunicacións, documental sobre a educación no Movemento Sen Terra (MST) de Brasil e coloquio co director... e compartir estes momentos con moita xente militante que cura dende o social, porque amar educa. Por iso nas conclusións recollemos esa nova relación coa Natureza; o empeño de que a educación ten que axudar a construír unha sociedade que poña a vida no centro; da cultura creada dende o cotiá e o recoñecemento de outras para coñecer mellor o mundo; do currículo que inclúe as diferentes peculiaridades dos territorios ou do necesario coñecemento do alumnado, a familia e a comunidade.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias