Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 24/11/2023 | Abre os ollos, cartel

Estréase "ABRE OS OLLOS", unha curtametraxe limiá

Contra as violencias machistas

24/11/2023

Da man do CDR O Viso, un grupo de mozas e mozos da Limia lanza unha peza audiovisual encamiñada a espertar conciencias na loita contra as violencias machistas.
O proxecto nace dunha colaboración entre o IES Lagoa de Antela e o Centro de Desenvolvemento Rural O Viso e estivo dirixido en tódalas fases do mesmo por un grupo de sete adolescentes de entre 14 e 15 anos. O grupo creou a idea orixinal, o guión, o plan de gravación, o elenco e participaron tamén na edición. Gabriela, Pilar, Iker, Jeremy, Rubén, Alejandro e María José distribuíron os seus roles para atender tódalas responsabilidades que ten o cine. Gabriela protagoniza a cinta, Pilar e Iker son as voces, Jeremy ocupouse  do script, Rubén atendeu a iluminación, Alejandro e María José desenvolveron a idea orixinal.
Co acompañamento dos equipos educativo e de comunicación do CDR crearon un produto que sae á luz na véspera do día contra as violencias machistas a través de códigos QR que se repartirán entre a mocidade e a partir do propio día 25 estará a libre disposición nas redes do CDR O Viso e do IES Lagoa de Antela.
O curto serviu para traballar co grupo artístico aspectos clave na loita contra a violencia como é a rede de apoios na comunidade. A mensaxe da curtametraxe é clara: chamar á acción de tódalas persoas ante indicios de malos tratos.
Son actuacións enmarcadas no programa "ELAS" financiado pola Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia na subvención destinada á realización de programas de interese social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF.
https://www.youtube.com/watch?v=lZhhxJc-U-I

Arquivada en:
Infórmate > Noticias