Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 02/12/2024 | Mateo co Eo

Choran as campás de Cortegada

Choran por o seu campaneiro

02/12/2024

Unha rede comunitaria de responsabilidade compartida fixo posible uns coidados que posibilitaron que o noso querido Mateo (Manuel, Mateos, Lolo...) poidese sentir o cariño da súa xente, da veciñanza, da comunidade.
O Miguel, a Carmen, o Daniel, a Manola, o Javier, a Aida, o Ismael, a Ana... foron un exemplo. Un exemplo de excelencia.  Pero non só estiveron eles; visitas e visitas; chamadas por teléfono continuamente... A comunidade que sabe que hai unha carencia e proporciona o servizo. Porque sabemos uns dos outros, que nos necesitamos e que podemos dar resposta a esa necesidade. Hai quen lle chama a isto os coidados invisibles, os coidados naturais. É o exemplo de que a diversidade é un valor para ser unha boa comunidade.
Se traballamos e non nos sorprendemos cada día... seguramente non o estamos facendo ben. E este fin de semana vivenciamos un momento ben lindo en Cortegada. Grazas Javier e grazas a toda a parroquia de Cortegada. Toda unha lección para non esquecer endexamais. Atender de maneira afectiva e efectiva á persoa que o necesita. Coidar. Porque o coidado é iso: todo o que se fai cando se acompaña a outra persoa para que a súa vida sexa mellor.
Velaquí esta homenaxe do Javier, o párroco de Cortegada, que “sazonou” a celebración do funeral e nos guiou rememorando con intensidade a vida dunha persoa “diferente”. Grazas por poñer o sentido común ó servizo do sentido común. Pedímoslle a Javier esta poesía coa que puxo punto e final á eucaristía e aquí está. Graciñas
Choran as campás de Cortegada
choran por o seu campaneiro.
Morreu unha noite de outono,
cando caen as follas e as bágoas;
choran as pobres campás
choran por o seu leal compañeiro.
Con destreza Manuel as tocaba
e as facía cantar:
cantos de ledicia
por a festa de San Xuán;
cantos de tristura e pena
cando un veciño se nos vai.
Choran tamén as campaíñas do altar;
Lolo con elas nos avisaba
que o Señor connosco estaba
no momento do alzar.
Chora o estandarte da Portela,
chora recordando as puxas
que “como era costumbre tódolos anos”
facía noso querido sacristán;
a tódolos devotos da Virxe
nos facía sorrir, escoitar ó noso Mateo
con tanta “devoción” pedir
que a Nosa Santiña, coxa non podía ir.
Non chora a Virxe da Portela
sorrí a Nosa Queridiña Nai
xa a Lolo ten collido da súa belida man;
xa ó Ceo Glorioso leva o noso sacristán.
Chora a parroquia de Cortegada,
choran os seu cura e os seus fregueses;
choran a morte do seu sacristán.
Rezan coa esperanza posta
no Final Feliz cristián.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias