Accesibilidad

Noticias 

Cantámoslle os Reis do Quiquiriquí

Se non nos dan nada, marchamos deiquí

06/01/2023

Un ano máis e van… como pouco sete que dende o CDR O Viso levamos alentando e realizando esta actividade; recuperando esta fermosa costume comunitaria.
Unha tradición habitual do Nadal limiao era ir cantar polas casas; grupos de mozas, mozos, nenas e menos percorrían a aldea ou parroquia cantando estas pezas da literatura popular que foron transmitidas oralmente de xeración en xeración. A cambio do seu cantar solicitábase o aguinaldo, xeralmente en especie (viño, chourizos, touciño, doces, lambetadas…) que despois consumían todos xuntos facendo unha festa ou foliada.
Estivemos en Boado, Lodoselo, Laroá e Sandiás. Antes a Lucía xa preparara esta actividade nalgúns CEIP (Sarreaus, Sandiás…) . Aquí algunhas fotos e sobre todo as letras de tres cantigas recollidas en Laroá. Tamén un enlace cara a historia que montou o Pepe Gándara por se queredes escoitar como soa. Quedamos convidados para o vindeiro ano!


NADAL DE LARÓA
Recollida por Juan Ferreiro (Gaiteiro de Laroá). Letra adaptada por José Luís Cofán
Cando chegan a Belén / ninguén a porta lle abría/ Nunha presiña de pallas / o neno Xesús nacía
Apreta María, apreta Xosé / apreta o zapato que che cae do pé
Son volta, son voltas/ son volta que o mundo dá/ Son voltas, son voltas / nos días da Navidá

Camiñan os galeguiños, /camiñan cara Belén. / Xa naceu o rei do ceo / e quen lle cante non ten
A señora desta casa / ten o color da cereixa,/verá como é boa moza / sen esmola non nos deixa.


AÍ VEÑEN OS REIS
Música adapatada por José Luís Cofán
Istes reis que eiquí cantamos / con gran gusto e alegría, / son para a xente desta casa / que por moitos anos viva.
Aí vén o Melchor, aí vén o Gaspar,/ aí vén canda eles o rei Baltasar./ No ceo unha estrella vai alumear / o longo camiño que leva ó portal…
Esta casa alta, alta /caleada de pemento / que por moitos anos viva / a xentiña que está dentro.
Déannolo aguinaldo / as veciñas desta casa / que para o ano que vén/ xa lle darémo-las grazas.


PATRONCIÑO
Vímoslle cantar os Reis / non de calquera maneira / traemos a alforxa ás costas / e á cintura a faldriqueira.
Ai patronciño, ai patronciña / o aguinaldo hai que dalo enseguida / ai hai que dalo, ai hai que dalo / a imitación de como deron os Reis Magos.
Sómoslle xente miúda,/ pequeniños, pequeniñas ¡ perecémosllenos moito / ó filliño de María
Sírvenos calquera cousa / de comer ou de beber/ as moedas sonnos sempre /máis fáciles de envolver.
O que deron os Reis Magos /festéxao toda a xente / e o que nos dean vostedes / festexarase para sempre.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias