Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 29/12/2022 | Cantamos

Cantamos os Reis... Sempre

Sempre que se pode, hai que estar e sempre que podemos, estamos.

29/12/2022 | A Limia

Sempre que se pode hai que estar e sempre que podemos, estamos. Este nadal seguimos cantando os Reis porque na Limia segue habendo vida. Segue habendo nenas e nenos e xente non tan pequena que quere saír a festexar e segue habendo familias que abren as casas para compartir ese momento de comunidade.
Este ano estamos especialmente felices porque algún grupiño que noutros nadais fora dinamizado por nós colleu a iniciativa de saír pola súa conta sen necesidade de que o equipo do CDR estivera detrás. Probablemente esta sexa unha das razóns de ser do CDR, deixar de facer falta, que a xente que probou algo connosco decida facelo por si e nós a pensar xa noutras iniciativas.
E seguiremos entoando con ilusión os “Reis do Quiquiriquí, se non nos dan nada marchamos deiquí” e sendo fieis ó noso repertorio limiao, co Patronciño  -recollido de varias mulleres de Laroá- e o Son Voltas -do gaiteiro de Laroá, Juan Ferreiro. Ademais temos da última vez a da Pita pitaina que aprendemos coas Xingras da Arca da Noe, unha peza que recolleu a Marta Joga dunha veciña de Lamas: Jesualda Gándara. Velaquí outra das máis fermosas expresións da cultura musical da Limia: os Cantos de Reis, que aínda resoan nos corazóns de varias xeracións e que ansiamos manter con vida.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias