Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 09/06/2023 | Cartel Talleres AFAOR

Coidarnos para coidar

Visibilizando e desenvolvendo uns modelos organizativos transformadores.

09/06/2023 | A Limia

No CDR O Viso queremos seguir pondo en valor o impresionante traballo de tódalas persoas que coidan aos seus familiares e a outras persoas. Dende o Proxecto Biocoidados estamos a atender a 52 persoas que queren seguir vivindo nas súas casas e a máis de 100 familiares con implicación directa nos seus coidados. Seguimos no empeño de colaborar na creación dunha base sólida de coñecementos compartidos, onde cada pobo poida empaparse das recomendacións de profesionais dos coidados e compartir experiencias en comunidade, que sirva para chegar a formar unha rede de Pobos que Coidan no Rural Limiao, visibilizar e desenvolver uns modelos organizativos transformadores.
Recentemente firmamos un acordo de colaboración coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Ourense (AFAOR) e con gran xenerosidade,  virán a Xinzo de Limia a impartir o Obradoiro de “Coidarnos para Coidar”. Témolo organizado en tres sesións que se celebrarán os días 20, 22 e 23 de xuño na Casa de Cultura de Xinzo de Limia, ás 17:00 horas.
Este taller vai dirixido a persoas coidadoras de familiares con Demencia tipo Alzhéimer ou outras demencias, co obxectivo de coñecer estratexias de autocoidado e que nos axuden a afrontar o día a día dos coidados.  
Dende o CDR O Viso, queremos agradecer a gran acollida, xenerosidade e implicación do tecido asociativo co Proxecto Biocoidados, xa que están axudándonos a tecer e manter esas redes de apoio, coas que queremos contribuír; seguir facendo camiño na construción de novos modelos de coidado prestados pola comunidade, centrados na persoa, revalorizando que vivimos en simbiose con un medio no que todo nos fala.

Estas actuacións enmárcanse no proxecto BIOCOIDADOS: NOVOS MODELOS DE COIDADO PRESTADOS POLA COMUNIDADE, CENTRADOS NA PERSOA, NAS CONTORNAS RURAIS; está vencellado ó Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, da Secretaría de Estado do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, e financiado pola Unión Europea- Next GenerationEU.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias