Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 01/07/2026 | Regularización extraordinaria

122 persoas agardan, da man do CDR, a súa regularización administrativa

01/07/2026

O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso acompañou a máis de 100 familias no procedemento de regularización extraordinaria de estranxeiría que rematou co mes de xuño.  A entidade limiá destinou catro profesionais dos ámbitos do traballo social, educación social, pedagoxía e psicoloxía a un proceso que se interpretou como unha oportunidade única para axudarlle a moitas familias e á Limia en sentido amplo.
Logo do estudo individualizado e do proceso de acompañamento, o CDR presentou 70 expedientes familiares que abranguen a máis de 120 persoas que, coa correspondente resolución favorable nas próximas semanas, serán veciñas e veciños de pleno dereito dunha comarca da que xa fan parte e dun mercado laboral que celebra a súa incorporación.
Este procedemento permitirá que arredor de 30 nenos e nenas menores de idade regularicen a súa situación administrativa, extremo que se notará inmediata e felizmente nos centros educativos e escolas deportivas ou artísticas ao poder participar coas mesmas garantías que calquera outro ou outra menor.
Venezuela concentrou o 47% dos expedientes xerados. Co 27% colombiano, o 12% brasileiro, o 10% peruano e o 1% uruguaio suman un total de 68 expedientes, representando o 97% do total. O restante provén do norte de África con familias arxelinas e marroquís.
Xinzo de Limia concentrou 36 dos 70 expedientes. Outros 15 son de familias residentes nos outros dez concellos da Limia polo que a comarca antelana aportou o 73% dos casos. O 27% restante mira principalmente á veciña bisbarra de Verín-Monterrei, que aproveitou os vínculos fraternais do CDR Portas Abertas co CDR O Viso para acompañar a 11 familias  nas súas xestións.
Supuxo tamén un pulo definitivo á colaboración de diferentes traballadoras sociais municipais da comarca co CDR para coordinarse nos casos que así o requiriron e a rede creada dende a Área de Benestar da Deputación de Ourense que provocou unha sinerxía entre diferentes entidades e axentes que axudou a centos de familias en toda a provincia.
Esta actividade forma parte do programa Galicia Acolledora, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF.
 
 
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias