Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 26/06/2026 | Pobo escola 2026 +1

Lodoselo despide o Pobo Escola coas mochilas cheas de sementes e os brazos abertos ao Concilia de Verán

26/06/2026

Coas mochilas cheas de vivencias e moita aprendizaxe, o CDR O Viso dálle o peche a unha nova e exitosa tempada primaveral do Pobo Escola. Foron meses intensos nos que a aldea de Lodoselo se converteu no corazón latexante do rural para centos de nenos e nenas de toda a provincia de Ourense, demostrando que a mellor aula é aquela que non ten paredes.
Esta edición deixa un balance positivo. Se por algo destacou este ano, foi polo éxito do Banco de Sementes nas Casas da Memoria. Grazas á implicación das escolas, foron numerosas as sementes que viaxaron de centro en centro, tecendo unha rede invisible de biodiversidade e soberanía alimentaria que garanten que o coñecemento agrícola e o amor pola terra sigan medrando por toda a xeografía ourensá.
Este ano empregouse unha ferramenta de rexistro e medición durante as visitas, a cal mostraba o nivel de sensibilización de cada colexio co medio natural e social, constatándose diferenzas significativas entre os niveis de implicación duns centros e outros. A pretensión educativa desta ferramenta era a de servir como un reforzo positivo para incentivar a mellora continua por parte do profesorado e do alumnado buscando motivar o mantemento da orde, a limpeza e, fundamentalmente, o coidado e respecto cara aos espazos comunitarios e os animais, persoas e plantas.
O desenvolvemento axeitado das actividades escolares contou coa participación de voluntariado xuvenil, cuxa labor de apoio resultou estrutural para o cumprimento do programa. Este equipo de voluntarios dará continuidade á súa colaboración co inicio do Concilia de Verán.
Como a propia natureza, no CDR “O Viso” os ciclos comezan e rematan, transformando para seguir dando vida. A tempada escolar remata, pero o compromiso e a actividade educativa en Lodoselo continúan no Concilia de Verán.
O CDR celebra a colaboración con tódolos centros educativos, nenos, nenas, docentes, familias e persoas voluntarias por formar parte desta gran familia.
Esta actividade forma parte do programa O noso espazo, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF e Voluntariado Xuvenil (ORDE do 30 de decembro de 2025 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento BS320A).
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias