Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 18/12/2025 | IES Dec 2025. 3

Apostamos por unha mocidade limiá motivada e crítica

Continuamos a nosa colaboración co IES Lagoa de Antela para apoiar a formación integral do alumnado.

18/12/2025

Dende a nosa área educativa apoiamos o labor do profesorado abordando aqueles aspectos que o ritmo académico ordinario non sempre permite consolidar e que teñen que ver co desenvolvemento das capacidades persoais da mocidade da Limia. Contidos como o adestramento na toma de decisións, o fortalecemento da confianza individual e de grupo ou a exploración de novas masculinidades supoñen unha oportunidade para complementar a formación nos seus aspectos máis formais.
Traballamos en paralelo cos dous cursos de 4º da ESO, así como cos dous niveis de Formación Profesional Básica, adaptando contidos, obxectivos e dinámicas ás características propias de cada grupo. No último curso da ESO incluímos recomendacións para a orientación formativa, tanto na progresión ao bacharelato como no acceso á formación profesional. Na FP básica poñemos o foco inmediato en aspectos máis vencellados ao ámbito laboral, de acordo cos intereses do grupo.
A actividade, coordinada dende o Departamento de Orientación, complétase cunha atención máis individualizada por parte do noso equipo profesional ás e aos adolescentes que o precisen, xa sexa en materia de exploración vocacional, apoio psicolóxico ou asesoramento sobre oportunidades.
Esta actividade é posible grazas á CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E IGUALDADE. Orde do 23 de maio de 2025 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades privadas de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social para os anos 2025 a 2027, cofinanciada parcialmente pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e pola que se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS631A).
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias