Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 19/11/2025 | Alumar 2024 entrega 1

ALUMAR regresa para quentar o Nadal

Outra construción colectiva

19/11/2025

A proposta do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso para que ninguén quede sen regalos na Limia polo nadal chega á súa terceira edición e busca “paporrubios” solidarios.
O CDR O Viso xa está traballando na súa recoñecida actividade para levar ilusión ós fogares onde, pola soidade, xa apenas queda. Este ano 2025, serán 25 as persoas que recibirán un regalo de mans de persoas que non coñecen. A práctica totalidade son persoas que reciben o XANTAR NO FOGAR do propio CDR e que lle permite ó equipo profesional da entidade entrar nas súas casas cada día para, ademais de entregar a comida, facer un seguimento do seu estado xeral.
Ábrese agora o prazo para que 25 persoas solidarias se apunten á iniciativa e se conecten coas persoas que viven soas cunha carta manuscrita e cun regalo simbólico.
Reedítase a colaboración co Centro de Día de Xinzo, cuxas persoas usuarias crearán un detalle decorativo que acompañará cada regalo e cada carta.
O equipo educativo do CDR recomenda tamén a replicar a iniciativa “en calquera pobo, en calquera barrio onde se saiba que vive unha persoa soa levándolle, aínda que sexa anonimamente e de sorpresa, un detalle bonito”.
Esta actividade forma parte do programa Vou Contigo, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, dentro da subvención para a implantación de programas de interese social con cargo á asignación fiscal do 0,7% do IRPF.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias