Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 02/10/2025 | AIRA – Educación Infantil Familiar na Limia

Volvemos con AIRA – Educación Infantil Familiar na Limia

Encontros que potencian unha parentalidade positiva nos que participan as familias e unha persoa do CDR

03/10/2025

Co inicio do novo curso e coa chegada de setembro, retomamos con ilusión o proxecto AIRA – Educación Infantil Familiar, unha iniciativa que levamos a cabo en colaboración co Concello de Vilar de Santos e que está pensada para acompañar ás familias con nenos e nenas de primeira infancia.
AIRA nace coa vontade de crear un espazo de encontro no que as crianzas de 0 a 3 anos poidan medrar a través do xogo e a exploración, ao tempo que as familias dispoñen dun lugar para compartir experiencias, inquedanzas e aprendizaxes relacionadas coa crianza.
Cando teñen lugar as sesións?
Comezaremos o Martes 7 de outubro. As sesións desenvolveranse os martes, de forma quincenal, en horario de 16:30 a 18:00 horas. Trátase dun tempo pensado para desfrutar en familia, sen présas e nun ambiente de confianza.
A quen vai dirixido?
Este proxecto está aberto a todas as familias da Limia con nenas e nenos de entre 0 e 3 anos que queiran participar. Acompañados das súas nais e pais, os pequenos poderán vivir experiencias educativas e de lecer adaptadas á súa etapa vital.
Que propoñemos?
Durante as sesións, as crianzas terán a oportunidade de:
• Explorar materiais e espazos pensados para favorecer a súa curiosidade.
• Participar en xogos compartidos coas súas familias.
• Fomentar a súa autonomía, a creatividade e o vínculo afectivo.
Non só os nenos e nenas son protagonistas: tamén as familias teñen o seu lugar. Haberá momentos destinados a falar, intercambiar opinións e reflexionar sobre os retos da crianza. O obxectivo é que nais e pais poidan atopar apoio mutuo, resolver dúbidas e sentirse acompañados neste camiño.
O noso propósito
Con AIRA queremos ofrecer algo máis ca unha actividade puntual: buscamos construír un espazo estable de lecer enriquecedor, onde cada encontro sexa tamén unha oportunidade para aprender, fortalecer lazos e compartir.
Como participar?
Se queres unirte a este proxecto, só tes que poñerte en contacto con nós:
CDR O Viso Lodoselo ou na rúa Ladeira 21 Xinzo de Limia 988461571
Mila – 677 842 196
Coma este espazo, en Vilar de Santos, estanse conformando outros grupos en toda a Comarca.
Esta actividade forma parte do programa O noso espazo, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, dentro da subvención para a implantación de programas de interese social con cargo á asignación fiscal do 0,7% do IRPF.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias