Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 15/09/2025 | Romaxe Bascuas 2025

Participamos na XLVII edición da Romaxe de Crentes Galegas e Galegos

A anterior celebrárase en Lodoselo

15/09/2025 | Bascuas (Guitiriz, Lugo)

Este pasado sábado, 13 de setembro, participamos na XLVII edición da Romaxe de Crentes Galegxs. Acudimos para, como dicía o último número da revista Irimia, Vide á Romaxe! Quixemos encontrarnos e celebrar en Bascuas (Guitiriz, Lugo) que “se nós calamos, as pedras cantarán”. Quixemos homenaxear particularmente a música popular, como vehículo do encontro e expresión comunitaria da alegría, e converter a Romaxe deste ano en fermento de esperanza. E quixemos celebrar que na humildade que sabe a terra… hai motivos abondo para cantar e agradecer.
Fomos porque o encontro real nos fai máis humanos; porque cantarmos xuntos alimenta o espírito; e xantarmos xuntas quenta o corazón. Así que cargamos en Lodoselo os lacóns asados, as patacas fritas Guays de Piñeira Seca, as bicas brancas de Soutelo Verde... recollemos no forno de Lobaces as empanadas e achegámonos ata Taboadela onde, un ano máis acompañamos no autobús á xente desas parroquias que alenta o amigo José Ramón Jorge.
E nas portas da Terra Cha cantamos; non podía ser doutra maneira presidindo a celebración Alfonso Blanco Torrado, fundador e coordinador da Asociación Cultural Xermolos e  promotor do Festival Musical de Pardiñas; cantamos coa Quenlla o himno desta comarca á que cantou Manuel María; escoitamos a lenda da muller que gadañaba nos arredores da capela de Bascuas como ela oíu que tiña que buscar e mover aquela pedra grande; escoitamos a voz de Pepe Mujica falarnos do sentido, daquilo que nos orienta na vida e que conectamos coa chave, coa chave de Bascuas que daba sáude e sandaba da dor e da “rabia” transmitida polos animais y ata puidemos ver algunhas desas chaves expostas na capela como mostra do pasado; soubemos dalgún misterio fermoso nas historias de curación, resistencia e confianza, en forma de coplas. 
E cantamos para a guerra, nada; a adaptación da Bea a da Estrella: un fermoso canto pola humanidade e contra as guerras. Que resoou dun xeito especial e máis cando puidemos escoitar ó palestino Samir, alí presente, contarnos de primeira man que non se senten sós na súa loita por unha causa xusta. Bailamos e berramos a tradicional rumboia e o berro seco: tres mensaxes reivindicativas: un rural vivo, manter viva a nosa lingua (estivo con nós, un grande, Isaac A. Estraviz) e contra a epidemia da soidade e o negocio dos coidados, o voceiro do CDR O Viso, clamou que queremos familias de todos os tipos, aldeas vivas e veciñanzas sólidas.  
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias