Accesibilidad

Noticias 

© COCEDER | 19/09/2026 | Foto 35 anos COCEDER. Claustro Colegio

Celebramos os 35 anos de COCEDER e homenaxeamos a Juan Manuel Polentinos

Cunha xornada que percorre a nosa traxectoria e aborda os retos de futuro do medio rural e do Terceiro Sector

19/09/2026

Este pasado venres, 18 de setembro, en Valladolid, festexamos o 35º aniversario da Confederación de Centros de Desenvolvemento rural (COCEDER) cunha xornada que nos reuniu, a compañeiras e compañeiros dos CDR que conformamos esta rede, así como a representantes das Administracións Públicas, plataformas e redes do Terceiro Sector coas que traballamos e compartimos camiño durante estes anos.
O encontro foi unha oportunidade para celebrar a nosa traxectoria e os vínculos que fan posible este proxecto común, reencontrarnos con persoas e entidades que formaron parte dela, compartir e poñer en común diferentes miradas sobre o camiño percorrido e os desafíos que temos por diante. Unha xornada que combinou memoria, recoñecemento, diálogo e unha mirada cara o futuro do medio rural.
Martí Momfort Morillo, actual Presidente de COCEDER deu a benvida ás persoas participantes e a continuación emocionámonos cunha mesa na que algúns dos representantes históricos da organización rememoraron e reflexionaron sobre o camiño percorrido, as principais efemérides e os retos que temos para seguir mellorando a vida das persoas no medio rural. Destacan ás persoas: a súa dignidade, os seus dereitos e acompañalos a manter os seus proxectos de vida nos pobos da mellor forma posible.
Seguiu a xornada coas intervencións de dous representantes das administracións públicas coas que traballamos, unha da Unidade Administradora do fondo Social Europeo UAFSE no Ministerio de Traballo e outra do Ministerio de Sanidade.
Gozamos dunha espectacular proxección audiovisual sobre os 35 anos de COCEDER.https://youtu.be/fCiuI8N6Zcg?si=99JjJs953nsTJNbp
Tamén contamos co relatorio de Mauricio O'Brien (Nanoma, S. Coop.), que achegou unha mirada centrada na innovación social e aventurou propostas para os próximos anos.
A continuación outra mesa de presidencias de redes do Terceiro Sector (PTS, POAS, EAPN, AIMFR) para reflexionar sobre o futuro do Terceiro Sector e o seu papel ante os retos do medio rural. Un diálogo indispensable sobre os desafíos actuais das organizacións sociais, a forza das alianzas comunitarias e a súa contribución ó desenvolvemento das zonas rurais.
E finalmente, un momento profundamente emotivo: a merecida homenaxe a Juan Manuel Polentinos Castellanos tras 26 anos a cargo da xerencia da nosa entidade; un recoñecemento á súa traxectoria, compromiso e contribución ó desenvolvemento e consolidación de COCEDER. Agasallos, proxección audiovisual moi ben elaborada, achegas significativas de cada un dos territorios, sentidas palabras que axudan a buscar acomodo no corazón e acompañan tantas emocións porque son momentos nos que as palabras viven, a vida habita nelas.  
Antes da comida de cátering, no Claustro do Real Colexio Seminario dos Pais Agostiños, como espazo de encontro e convivencia dos participantes, desfrutamos dunha visita guiada ó Museo Oriental situado neste propio Colexio. Tamén abraiante.


 
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias