Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 05/06/2026 | Visita Igrexa Codosedo e ...

Das historias compartidas nacen comunidades máis fortes

Sostendo a Vida en Comunidades Rurais

04/06/2026

A través do proxecto “Sostendo a Vida en Comunidades Rurais”, o CDR O Viso segue a impulsar actividades que favorecen o encontro e a participación veciñal tras conseguir, xunto co proxecto de “Comunidades Inclusivas”, a dinamización de cinco núcleos rurais diferentes pertencentes ao concello de Sarreaus: Lodoselo, Freixo, Pazos, Folgoso e Cortegada.
Nesta ocasión, as veciñas de Pazos recibiron a persoas do centro de Día Lodoselo e as participantes do taller de memoria de Cortegada e Folgoso. Esta xornada de convivencia, pensada para crear comunidade, fortalecer relacións e xerar novos espazos de encontro, nace da reflexión sobre como, co paso dos anos, moitos espazos que tradicionalmente favorecían as relacións sociais foron desaparecendo. Antigamente era moi habitual coincidir a diario na igrexa, compartir o café na taberna ou colaborar nas tarefas da labranza. Estes momentos formaban parte da vida cotiá e contribuía a manter vivos os vínculos entre as veciñas e veciños do pobo.
Hoxe en día a realidade é diferente, resulta necesario crear novas oportunidades para atoparse, conversar e compartir tempo coas outras persoas. Por iso, a xornada do pasado xoves comeza arredor dun café, un momento simple pero moi valioso. Tras este espazo compartido, o grupo dirixiuse a Igrexa de Codosedo, un lugar de gran importancia histórica e patrimonial. Porén, o verdadeiro valor da visita estivo nas historias compartidas polas propias veciñas e veciños. A través dos recordos, anécdotas e coñecementos transmitidos de xeración en xeración, reconstruíron parte da memoria popular vinculada a igrexa, compartindo saberes que forman parte da identidade colectiva da comunidade.
A actividade permitiu poñer en valor un patrimonio que transcende os elementos materias: o coñecemento colectivo das persoas que habitan o territorio. Compartir estes saberes contribúe a preservar a memoria das nosas comunidades e a fortalecer o sentimento de pertenza entre quen as conforma.
Nesta labor debemos agradecer a participación do voluntario do CDR O Viso, cuxa implicación e acompañamento contribúen a reforzar a rede de apoio comunitario.
Sostendo a Vida en comunidades rurais é un programa promovido por COCEDER e enmárcase no programa FSE+ de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita contra a Pobreza e está cofinanciado por a Unión Europea e o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 dentro dos programas de interese social, con cargo do 0,7% do IRPF.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias