Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 11/04/2026 | Xornada comunidades inclusivas 1

O CDR O Viso promove unha xornada comunitaria arredor da memoria e das tradicións no rural

Coa veciñanza de Cortegada e Folgoso (Sarreaus)

11/04/2026

No marco do proxecto Comunidades Inclusivas, o Centro de Desenvolvemento Rural O Viso desenvolveu recentemente unha actividade comunitaria na que participaron persoas procedentes de Cortegada e Folgoso, nunha proposta orientada á recuperación da memoria colectiva e ao fortalecemento dos vínculos interxeracionais.
A xornada comezou cunha fornada tradicional na que persoas maiores e cativos compartiron tempo e coñecementos arredor da elaboración do pan, recuperando prácticas propias das aldeas. Durante a actividade, púxose en valor o papel do forno como espazo de encontro, onde antigamente varias familias se reunían non só para facer o pan, senón tamén para socializar, intercambiar experiencias e reforzar a cohesión comunitaria.
Posteriormente, o grupo visitou as Casas da Memoria de Lodoselo, nun percorrido centrado na recuperación do pasado mineiro da zona. A través dos relatos e recordos compartidos, afondouse nas condicións de vida e traballo que marcaron xeracións anteriores, poñendo en valor o esforzo e a resiliencia das comunidades locais.
A actividade concluíu cun espazo de encontro no que se conmemorou o Día da Revolta da España Baleirada. Neste contexto, as persoas participantes reflexionaron sobre os retos actuais do rural e reivindicaron a necesidade de seguir defendendo un modelo de vida ligado ao territorio, baseado na proximidade, na comunidade e no aproveitamento dos recursos propios.
O CDR O Viso continúa así promovendo accións que contribúan a reforzar a identidade colectiva, favorecer o intercambio de saberes e impulsar procesos de participación que sitúen ás persoas no centro do desenvolvemento rural.
O proxecto de innovación social “Comunidades inclusivas: solucións innovadoras de coidado e apoio no medio rural” é unha operación do Ministerio de Traballo e Economía Social no marco do Programa estatal do Fondo Social Europeo Plus (FSE+) “Inclusión social, garantía infantil e xuvenil e loita contra a pobreza”, impulsado por Coceder e cofinanciado pola Unión Europea, e financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, dentro da subvención para a implantación de programas de interese social con cargo á asignación fiscal do 0,7% do IRPF. Comisión Europea en España Eusocial Coceder.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias