Accesibilidad

Noticias 

© CDR O VIso | 08/02/2026 | Tecedoira febreiro 2026

A Tecedoira cumpre un ano tecendo redes no rural e multiplicando o seu impacto social máis alá do previsto

A presenza, a escoita e o traballo comunitario poden transformar realidades

07/02/2026

O proxecto Tecendo Redes. Coidando-NÓS levado a cabo por o CDR O Viso pecha o seu primeiro ano de vida cun balance moi positivo que confirma algo que desde o rural se leva tempo defendendo: as aldeas seguen vivas e merecen recursos, coidados e oportunidades. Nun contexto de despoboamento, envellecemento e falta de servizos de proximidade, A Tecedoira demostrou que a presenza, a escoita e o traballo comunitario poden transformar realidades.
Durante este primeiro ano, o proxecto chegou a máis de 400 persoas de maneira individual e colectiva, abrangueu 42 núcleos de poboación e ampliou o seu alcance ata un 250 %, fronte ao 75 % inicialmente previsto, evidenciando a enorme necesidade existente e a boa acollida da iniciativa por parte da veciñanza. Estes datos non só falan de números, senón dunha demanda clara de acompañamento social no rural.
Ao longo destes meses desenvolvéronse múltiples actividades sociais e comunitarias, como talleres de memoria, dinámicas de grupo, accións de dinamización comunitaria e propostas de posta en valor do territorio, entre elas andainas polas propias aldeas que serviron para recuperar camiños, historias e vínculos. Tamén se levaron a cabo charlas sobre saúde e benestar, grazas á colaboración con entidades como a Asociación Auria, a Cruz Vermella e tamén dende o propio CDR O Viso, que impartiu sesións centradas no autocuidado e na importancia de coidarse colectivamente e sobre todo a un mesmo.
Entre as accións realizadas destacan tamén os acompañamentos a trámites administrativos e a citas médicas, dirixidos a persoas que carecían doutros medios de transporte e/ou apoio social para xestionar procesos esenciais para o seu benestar. Estas intervencións, moitas veces invisibles, resultaron fundamentais para garantir dereitos básicos e evitar situacións de desprotección.
Un dos logros máis significativos do proxecto foi paliar a soidade non desexada. As persoas participantes, moitas delas vivindo soas, atoparon na Tecedoira un espazo de encontro, ilusión e relación coa súa veciñanza. Este proceso xerou unha rede informal de coidados: os veciños e veciñas comezaron a preocuparse uns polos outros, alertando cando alguén non acudía ás actividades e interesándose polo seu estado, reforzando así o tecido comunitario.
Ademais, conseguiuse reactivar os locais sociais das aldeas, devolvéndolles o papel central que merecen como espazos de encontro e convivencia. O seu uso semanal permitiu poñer en valor estes bens comunitarios, moitos deles infrautilizados, e recuperar a vida social arredor deles.
Con este primeiro ano pechado, A Tecedoira non se detén. Comeza agora a segunda fase do proxecto, coa intención de chegar, polo menos, a unha aldea de cada Concello da Limia, crear máis puntos de atención e ampliar o ámbito de actuación do CDR O Viso cara a concellos máis afastados. Neste camiño xa se iniciaron reunións cos representantes dos concellos de Baltar e Vilar de Santos, co obxectivo de achegar servizos de proximidade ás aldeas máis afastadas de estes concellos e con maiores necesidades, mantendo o carácter itinerante e próximo da Tecedoira.
Este proxecto, financiado por Fundación “la Caixa”, é unha mostra clara de que defender a vida no rural é unha cuestión de xustiza social. Investir en coidados, comunidade e presenza é apostar por un rural vivo, digno e con futuro. E A Tecedoira segue, con máis forza ca nunca, tecendo redes para que ningunha aldea quede atrás.

 
 

Arquivada en: