Accesibilidad

Noticias 

© Enrique | 24/05/2026 | Grupo de coidados. A Coruña

Rompendo o individualismo actual e apoiándose en lazos colaborativos

Visita dun grupo de persoas que teñen en común a filosofía de non xubilarse da VIDA

23/05/2026

Este pasado xoves 21 de maio tivemos con nós a un grupo de xente de A Coruña. Puxéranse en contacto con  nós e querían coñecer o que nós facemos aquí (“como levades a cabo o coidados dos maiores”) e intercambiar información. Unha vez máis seguimos a atopar persoas que non queren deixar que outros definan o posible porque se o facemos xa lle estamos a dar un poder sobre nós; seguimos a ser testemuña da forza da sociedade civil organizada que evidencia a pereza dos que permiten que outros lle resolvan o día a día contribuíndo -como a historia nos aprende- que acaban facendo política partidista contra todas e todos menos contra eles. 
Con este grupo, coma con todos cos que nos relacionamos, aprendemos moito. Nesta ocasión soubemos entre outras cousas:
- Do Proxecto ProCC. Grupo de persoas do ámbito da saúde, a educación e a acción social que desde o desexo de construír unha vida máis humana, saudable e solidaria e coa ferramenta da Metodoloxía dos Procesos Correctores Comunitarios (ProCC) encamiñan a súa práctica cara á transformación social desde a atención dos malestares da vida cotiá. Desenvolven o concepto de Normalidade Suposta Saúde para realizar unha lectura crítica das causas estruturais dos malestares da vida cotiá e priorizan as abordaxes comunitarias na intervención.
- Do modelo Buurtzorg Nederland. Buurtzorg (que en holandés significa “coidado veciñal”) ten tido un éxito extraordinario; comezou cun equipo en 2007 na pequena cidade de Almelo e agora é unha organización nacional. Equipos de ata 12 enfermeiras que brindan apoio de adestramento e confían en que os profesionais non necesitan ser administrados. O seu principio central é que a atención debe proporcionarse dentro do contexto da vida dun individuo: fogar, familia e veciñanza.
A continuación poñemos o escrito que a modo de retroalimentación lle pedimos para deixar constancia na nosa web de estar e contalo. A vontade de dar testemuña, de espallar unha cultura dos coidados. Graciñas. Moitas.
Somos un grupo de persoas, de entre 50 e 82 anos, que temos en común a filosofía de non xubilarnos da VIDA mentres nos dure, é dicir, queremos participar de forma activa en tódalas decisións que se nos presenten, rompendo o individualismo actual e apoiándonos en lazos colaborativos. Vimos da Coruña.
A visita de onte  en Lodoselo ao Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso" foi unha ventana aberta a unha utopía feíta realidade. Visitamos da man do Toño, a Carmen, o Eloi, e moitas outras traballadoras o Centro de día onde coidan aos maiores, que conviven pegados aos nenos da Casa Niño, onde comparten algunhas salas e unha horta mimada e coidada onde uns e outros dan e reciben, ... e tamén coa xente que usa o comedor comunitario, onde tamén veñen maiores que viven na “túa outra casa" (vivenda comunitaria), atravesando o campo da Lama que os separan, e outros máis que veñen das súas casas pola súa conta ou nos tres coches adaptados dedicados a cubrir esas e outras necesidades da xente... pegado a unha cociña da que saen máis de 100 menús diarios que trasladan aos domicilios da xente da contorna en outras tres furgonetas, para que aínda poidan envellecer, coidados e protexidos no seu pobo, na súa casa o maior tempo posible...
Impresionante foi acercarnos a un proxecto que, sen dogma e con gran sentido práctico, foi dando resposta desde hai 40 anos, ás necesidades da xente da contorna, partindo da súa realidade, dos seus valores e dos seus desexos. E continúa a facelo, coa contundencia que da a certeza de saber que, quen somos e os lazos cooperativos, aprendidos desde antigo nas relacións  sociais nos traballos de campo; seguen a ser valores humanos que deben centrar os coidados dos máis vulnerables.
Aquí non teñen que aprender o que son os “coidados centrados na persoa” simplemente porque, a diferencia doutros dispositivos asistenciais, nunca o esqueceron.
(Regina Basadre e outras 9 sinaturas máis)
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias