Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 22/05/2026 | Rabaño do CDR no Covelo

Festexamos o Día Internacional da Biodiversidade (22 de maio)

Os grandes cambios comezan a pequena escala

22/05/2026

Porque seguimos dependendo da natureza para cousas esenciais (como a auga, a comida, os medicamentos, a roupa, a enerxía e moito máis) é vital que respectemos, protexamos e restauremos a biodiversidade.
Enténdese por biodiversidade a ampla variedade de plantas, animais e microorganismos existentes, pero tamén inclúe as diferenzas xenéticas dentro de cada especie -por exemplo, entre as variedades de cultivos e as razas de gando-, así como a variedade de ecosistemas (lagos, bosques, desertos, campos agrarios...) que albergan múltiples interaccións entre os seus membros (humanos, plantas, animais) e a súa contorna (auga, aire, chan...).
Un ecosistema é unha área xeográfica na que coexiste unha gran variedade de plantas, animais e outros organismos; pode ser tan grande como un deserto ou tan pequeno como un estanque; e pode conter seres vivos e non vivos, como rocas, area e humidade.
Cada peza dun ecosistema depende das demais, como nun crebacabezas. Toda a superficie da Terra é unha serie de ecosistemas conectados. Eliminar só unha especie como resultado do cambio climático, a contaminación, a perda de hábitat ou outros factores naturais ou provocados polas persoas pode producir un efecto dominó que ten gran impacto en todo o ecosistema.
Como humanos, temos a responsabilidade de coexistir harmoniosamente coas demais especies nos ecosistemas que compartimos para garantir que o noso planeta sexa saudable. Sen esquecer que ecoloxía e economía comparten o lexema grego oikos (contorna ou morada); unha estúdao (logos), a outra adminístrao (nomos). Antagonizalas é unha torpeza.

 
 
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias