Accesibilidad

Noticias 

© CAREMARKETS | 20/05/2026 | Equipo CAREMARKETS en Lodoselo

Intentando conceptualizar ese espazo tan complexo e interesante que non é privado nin público senón comunitario

Equipo de CAREMARKETS

15/05/2026

Recibimos, o venres oito de maio, ó equipo de CAREMARKETS: Antía Eijo (cooperativas de traballadoras de coidados), Raquel Martínez Buján (IP do proxecto), Zaira Domínguez (plataformas dixitais e coidados a domicilio), Bruno Fariñas (soidade non desexada) e Noelia Teijeiro (vivendas colaborativas).
O contacto de Raquel con Helena foi no congreso de “Os coidados que queremos” en Sevilla. Alén da visita recibimos honrosos a proposta de invitarnos á súa materia de “Políticas de coidados de longa duración” do Máster de Políticas Sociais que teñen na UDC.
O proxecto de investigación CAREMARKETS diríxese á xeración de coñecemento científico en relación coas dinámicas mercantís, os procesos económicos e políticos que animaron o seu despregamento, os modelos de negocio baixo os que operan, o seu potencial impacto na reconfiguración laboral do traballo no sector e os valores culturais que apoian a súa actividade empresarial. A través dunha metodoloxía que combina a análise cuantitativa e cualitativa desde un enfoque participativo con actores crave e incorporando unha perspectiva de xénero e interseccional, analízase como, en España, a provisión de coidados de longa duración nos fogares converteuse nun territorio en disputa debido á convivencia destas dispares pautas mercantís.
Pártese dun dobre obxectivo en relación coa súa recente expansión. En primeiro lugar, explora a potencial interrelación entre o seu recente auxe e os programas sociais públicos orientados a cubrir as necesidades de coidados nos domicilios. En segundo lugar, a través dunha análise comparativa da súa actividade, estuda en que medida se están creando novas pautas laborais no sector que transitan cara procesos híbridos de traballo formal/informal e en que sentido se están reconfigurando as competencias laborais que definen a profesionalización desta actividade.
Agradecemos participar neste empeño de conceptualizar, de abstraer, definir, relacionar as realidades para organizalas e estruturar mellor os propósitos, os deseños. Hai xente que entendemos que o Público debe estar para asistir e facer a vida das persoas mellor; pero a xente de hoxe non espera por solucións de mañá. E sabemos da forza da comunidade organizada, de perseverar en condicións adversas, do convencemento de que manter/nos unha condición que nos impulsa a organizar a vida cos demais. A forza da sociedade civil organizada. E que non nos convertan nun espazo privado nin eternizarnos tapando os ocos do estado, a protección social pública. Porque o Común, o comunitario é unha alternativa. Que non son a xestión privada, nin a pública (administración, goberno) as únicas dúas opcións. Reclamamos esa terceira: a das persoas directamente interesadas e afectadas que temos unha relación próxima, directa e ademais histórica e culturalmente situada.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias