Noticias
© CDR O Viso | 11/09/2023 | Romaxe Brión
Sororidade e Terra foi o noso lema como romeiras/os
XLV Romaxe de Crentes Galegas/os
11/09/2023 | Carballeira de Santa Minia (Brión)
Irimia é unha asociación que naceu en 1978 coa vontade de colaborar en que a Igrexa de Galicia fora realmente unha Igrexa galega; é dicir unha Igrexa comprometida co seu pobo, a súa lingua e a súa cultura, coa súa identidade, a súa realidade popular. Para moitos de nós, dos que comezamos no CDR un Referente.
A comezos de xullo chamáronnos para falarnos da posibilidade de que a Romaxe de 2024 se celebre no noso territorio e sexamos nós, o CDR, a organización que posibilite a realización aquí. É unha romaría que se celebra cada ano para vencellar festivamente fe e galeguidade. Leva máis de 40 anos de existencia e nela, unha vez cada ano e nun punto distinto da nosa xeografía, xuntámonos nalgúns momentos miles de persoas (entre 4000-6000 en algunha ocasión) de toda Galicia. Nas últimas sobre 300.
A Romaxe de Crente Galegos sempre se celebra o segundo sábado de setembro.
Sempre tivemos vinculación con esta xente: Revista Irimia, Escola Alento de educador@s de tempo libre, participación nas Romaxes; especialmente na de Allariz, na que xa colaboramos en primeira liña. Nalgúns momentos recibimos a revista e distribuímola polos locais sociais dos pobos… Algúns de nós seguimos sendo subscritores.
A do 2022 foi no na parroquia de Castelo (Concello de Culleredo) onde din que aínda resoan os ecos da voz de Moncho Valcarce, coñecido como o crego das Encrobas, coas súa loitas solidarias e esperanzadas en tempos ben duros. O CDR O Viso con Eirada e Portas Abertas recibimos o Premio "Promoción da Terra 1997” outorgado pola Irmandade Moncho Valcarce.
A deste ano foi este pasado sábado, 9 de setembro, na carballeira de Santa Minia, en Pedrouzos, a capitalidade do concello de Brión, a uns 15 Km de Santiago. Sempre nese encontro xa se lle entrega o ramo (o "testigo") ó grupo que a fará posible o ano seguinte. Participamos co lema Sororidade e terra (solidariedade entre mulleres, irmandade feminina); este foi o berro que nos congregou na 45.º Romaxe. De aquí fomos un autobús con xente das parroquias de Santa María de Torán, San Xurxo, Mesón de Calvos e San Miguel de Taboadela e Lodoselo.
E gozamos dun día xuntos: viaxe, celebración, xantar, Santiago… Unha celebración que interrompeu a chuvia pero que continuamos animosos moi ben guiados polo animador da mesma e Exeria ( a peregrina e investigadora da Gallaecia do século IV); tamén nos tocaron o corazón as testemuñas de dúas relixiosas das comunidades que nos últimos anos da década dos 70 fixeron opción de vida nas aldeas e constituíron a Rede de comunidades Relixiosas no Mundo Rural Galego) ou a de Carme Freire en representación de todas as iniciativas que están a xestionar un espazo colectivo de produción, transformación e comercialización de alimentos. Sen esquecer a Mero e a música da Quenlla, música folk e tradicional galega; a Rumboia da revolta, Non vou só, Ai amor, Verbas para un irmán...
Dende o CDR O Viso como organización que posibilite e promova sinerxías para a celebración aquí na Limia da 46 edición da Romaxe de Crentes Galegas/os alentámosvos a participar e ir anotando na axenda o segundo sábado de setembro de 2024: a unión dos pequenos, forte alianza.
Arquivada en:
Infórmate > Noticias