Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 27/07/2023 | Furgoneta reparto Xinzo

Importante colaboración económica do Concello de Xinzo, un ano máis

Para a nosa labor no ámbito do fomento dos servizos sociais na vila e pobos

02/06/2023 | A Limia

No CDR “O Viso” damos cobertura a moitas das necesidades da poboación limiá que non son satisfeitas por parte das administracións públicas. Un ano máis a través do noso proxecto integral púidose garantir a conciliación familiar, mellorar a saúde integral das persoas maiores, aumentar a competencia dixital, mellorar as capacidades laborais e formativas de persoas en risco de exclusión social e tamén informar/acompañar a persoas que pretenderon iniciar un proxecto vital na nosa comarca.
Cuantitativamente o Concello de Xinzo de Limia é un dos máximos beneficiados das actuacións do CDR O VISO, pois é onde se concentran a maior parte das persoas participantes e beneficiarias do noso traballo, polo que é fundamental seguir contando co apoio económico municipal. E así está sendo.
Grazas á financiación obtida (5.000 €) do Concello de Xinzo de Limia para este proxecto de desenvolvemento integral complementáronse as actividades de continuidade coas que se lles dá cobertura a moitas das necesidades da poboación.
A maior parte da contía obtida nesta anualidade foi destinada á adquisición dun novo vehículo para o reparto de bandexas co comedor social, xa que unha boa parte das persoas usuarias deste servizo pertencen a este Concello, máis do 69%. A contía restante destinouse a complementar o gasto das seguintes actividades:
1. Área de atención á comunidade e servizos de proximidade: Programa de emerxencia e comedor social: atención ás necesidades básicas e outros recursos, servizo de comedor social a domicilio e no centro Lodoselo, vivenda comunitaria, servizo de lavandaría e hixiene persoal, servizo de préstamo de axudas técnicas, acompañamento a citas e xestións, transporte adaptado, etc. Máis de 200 persoas beneficiarias.
Atención psicolóxica e terapia ocupacional no centro e nos domicilios: atención psicosocial e de terapia ocupacional nos fogares das persoas maiores e persoas con diversidade funcional da comarca da Limia. Máis de 100 persoas beneficiarias.
Alfabetización dixital: para persoas maiores: talleres de aprendizaxe e uso básico do teléfono móbil, tablets e outros dispositivos centradas en xestións básicas a través de aplicacións dixitais. Máis de 50 persoas participaron sendo do Concello de Xinzo de Limia máis do 70%.
2. Área educativa e de Conciliacion. Actuacións a prol da conciliación real da vida persoal, familiar e laboral das familias da comarca da Limia tendo en conta as necesidades afectivas, sociais e emocionais da infancia.
- Concilia no rural: actividade socioeducativa dirixida á infancia (3-12 anos) coa que se garantiu a conciliación das familias da comarca da Limia especialmente nos meses xullo e agosto, pondo en valor a contorna natural e social, o sentir comunitario e a vivencia Interxeracional. Persoas beneficiarias: 180 (nenas/os e persoas de convivencia). Máis do 95% do Concello de Xinzo de Limia
3. Área de Inclusión social e laboral: Información, asesoramento e apoio sociolaboral a persoas en risco de exclusión: atención a persoas en risco de exclusión social e itinerarios personalizados de inserción social e laboral. Persoas beneficiarias: 120
4. Área do reto demográfico: información e asesoramento continuado sobre recursos, axudas, accesos á vivenda e servizos dispoñibles tanto públicos como privados na comarca da Limia; acompañamento e axuda na realización de xestións que faciliten a incorporación de novas familias na nosa comunidade. Persoas beneficiarias: 200

O equipo da entidade mantivo reunións de coordinación interdisciplinar cos servizos sociais comunitarios básicos do Concello e seguimos a facelo. Agradecemos que un ano máis, esta Corporación do Concello de Xinzo, nos siga a posibilitar medios para poder seguir facendo posible o que é necesario. Lembrar que unha das sedes do CDR está na rúa Ladeira nº 21 con persoal ó dispor de quen o necesite.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias