Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 26/07/2023 | Cociña. Verónica. Alberto e Yedhiel

O entusiasmo de seguir facendo mellor o que facemos ben

Con humildade e sempre alentados pola gratitude

26/07/2023 | A Limia

A sociedade actual parece dominada pola inmediatez, as présas, o automatismo... por iso, ás veces, parécenos moi atinado pararnos para reflexionar e agradecer o traballo das persoas que fan a nosa vida un pouco máis agradable.
O servizo "xantar a domicilio" ou “xanta na casa” que comezamos a finais do século pasado na reitoral de Lodoselo co comedor comunitario, nos primeiros anos só in situ, non só propicia unha alimentación de calidade, equilibrada e adaptada ás persoas participantes, senón que ademais, é, entre outras, un servizo de proximidade que favorece o retraso na institucionalización das persoas.
Moitas familias na nosa contorna ven como aumentou a calidade e benestar de vida dos seus familiares e da vecindade. Por iso, queremos visibilizar e agradecer ás compañeiras da cociña o labor diario que fan, así como ás compañeiras e compañeiros encargados de preparar con elas as bandexas, facer diariamente o reparto, atender e coidar a cada unha das persoas que non só reciben os alimentos adecuados, tamén o encontro, a visita, un tempiño de calidez, de calidade humana.
En recoñecemento dese labor o pasado xoves día 20 de xullo unha das participantes do programa “Biocoidados” e beneficiaria deste servizo, quixo coñecer ás profesionais que fan a comida que lle chega á súa casa e agradecer cun sorriso e cun abrazo, o labor tan importante que realizan todos os días do ano, durante tantos anos.
Moitísimas grazas ás persoas que o fan e o fixeron posible; tamén a todas ás que contribuíron e aos que o seguen a facer. Dende as persoas que o fan dende as oficinas ata as persoas que fan o mantemento e reparan avarías na infraestrutura (electrodomésticos, vehículos, etc). Mesmo a todas as que colaboran doutras maneiras: doando alimentos, axudando no reparto, achegándonos información que mellora o noso traballo, etc.
Estas actuacións enmárcanse no proxecto Biocoidados: novos modelos de coidado prestados pola comunidade, centrados na persoa, nas contornas rurais; está vinculado ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, da Secretaría de Estado do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, e financiado pola Unión Europea- Next GenerationEU.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias