Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 25/04/2023 | Fornada 2022

O Pobo Escola vive

Cando o corazón bombea entusiasmo

25/04/2023 | Lodoselo

Un ano máis o Pobo Escola de Lodoselo recibe a enerxía da rapazada dos colexios de toda a provincia (e doutras) para seguir tan vivo coma sempre.
Vintecinco anos de Pobo Escola e milleiros de nenos e nenas que pasaron por un recurso rural profundamente convencido do potencial que teñen os pobos, coa súa comunidade, de non deixar de educar.
Desde esta semana e ata o remate do curso escolar teñen concertada a actividade 30 centros educativos de toda a xeografía ourensá e limítrofe. Dende os veciños CEIP de Sarreaus, Rosalía de Castro de Xinzo ou Os Blancos ata a afastada Terra de Caldelas e Lugo capital. Mil nenos e nenas con moito por ensinar e que tamén han aprender.
O rabaño de ovellas galegas teñen os espazos pacidos para xogar neles, a burra Terra coñece ben os camiños e carreiros para pasear, as aves aprenderon a cantar para recibir ós grupos e os cans, a Muma e o Eo, serán guías e acompañantes así que tamén educarán.
O Carballo con botas volverá ser contado e as árbores plantadas para, xa nas súas novas casas, medrar.
Unha nova fornada de meniños e meniñas que cocerán pan en Lodoselo. É vida. É futuro. Porque cando o corazón bombea entusiasmo tamén nos subministra enerxía.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias