Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 16/02/2023 | Biocuidados. Laroá

Fomentando encontros, espazos e sentirnos comunidade

Pobos que coidan

16/02/2023 | Laroá

O equipo de Biocoidados do CDR O Viso está que non para coa dinamización nos pobos da contorna: Freixo, Lodoselo, Boado e por  último pero non por iso menos importante Laroá.
Esta última comunidade non necesitaba esa activación pois os veciños e veciñas teñen unha forma de ser, de vivir e de entender o seu moi bonita. Por ese motivo Patri, compañeira de Biocuidados, aproveitou a oportunidade de ser parte desta veciñanza, presentar o programa a aquelas persoas que desexen participar e aportar un pouquiño do que ela sabe, creando un espazo de confianza e sobre todo risa. Contactar e conectar coa xente de Laroá foi moi sinxelo, pois Lucía, compañeira do CDR e veciña do pobo leva moitos anos dinamizando en Laroá, enriquecendo e creando un espazo no que imaxinar, comunicar e estar en comunidade.
Xa van dúas semanas dende que Patri coñeceu a estes veciños e veciñas, cun primeiro contacto moi doce. Todos e todas se presentaron, charlaron e falaron dos intereses, acompañando este momento, como non podía ser doutro xeito, cun café e biscoito. Aínda que non coñecían a Patri en persoa, Lucía adiantouse á presentación enviando unha foto dela tocando o saxofón nas festas de Laroá; así eles/as xa sabían un pouco dos intereses da persoa que os acompañaría a partir dese momento os martes pola tarde.
O máis bonito deste encontro foi descubrir as ganas que teñen de seguir facendo cousas, de probar actividades novas e sobre todo de seguir crecendo: como persoas e como pobo.  Así pois, este pasado martes 14 de febreiro continuaron coa actividade: para empezar tiñan que contar 3 cousas sobre eles/as, ¡pero unha tiña que ser mentira! As risas estiveron aseguradas nese día, pois ademais de traballar a memoria a través do movemento, Patri preparou unas actividades nas que a risoterapia era o ingrediente principal.
E isto non remata aquí, pois a partir de agora, continuarán desfrutando destes ratiños todos os martes a partir das 16:30 da tarde.
#Biocoidados:  Novos modelos de coidado prestados pola comunidade, centrados na persoa, en entornos rurais. Vinculado ó plan de recuperación, transformación e resiliencia, da secretaría de estado de dereitos sociais, e financiado pola Unión Europea – Next Generation EU.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias