Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 09/03/2020 | 2

Acto con motivo do 8 M na casa de Cultura

O pasado domingo, coa participación do CDR O Viso

10/03/2020 | Xinzo de Limia

Esta foi a intervención de Saray (en representación do CDR):

O logro da igualdade de xénero é máis que un obxetivo; é unha condición previa para afrontar o reto de reducir a pobreza, promover o desenvolvemento sostible e a construcción dunha sociedade xusta.

A miúdo as mulleres fomos marxinadas na “historia oficial” e se queremos un mundo onde sexamos socialmente iguais, humanamente diferentes e totalmente libres temos que facer un esforzo de recuperación de historias.

Fai poucas décadas que temos a posibilidade de comezar a descubrir unha historia oculta durante séculos. As mulleres, ademais da súa aportación para soster o fogar como nais e coidadoras (que xa non é pouco) realizaron unha importantísima labor no desenvolvemento político, científico, social e económico… que a historia  - escrita por homes - invisibilizou.

Vendéronnos que a historia dos homes era extensiva á historia da humanidade. Pero onde estamos nós? Onde estamos as mulleres?

AS MULLERES ILUSTRADAS DA LIMIA é unha pequena pincelada de recuperación e visibilización de historias.

E non queríamos ir moi lonxe. Non facía falta. Queríamos falar das nosas. Das nosas mulleres. De mulleres bravas, de mulleres que forman parte da historia da nosa vila. Mulleres que fixeron historia no pasado e fan historia no presente. Historia que non queremos que sexa descoñecida, merece ser visibilizada e valorada.

A selección fíxose con perspectiva de xénero, pondo en relevo a súa valentía, a relevancia do seu traballo, a súa aportación á sociedade ou o ter sido precursoras nalgunha actividade “só de homes”.

Puxémoslle cara nesas ilustración e agora imos darlle voz:

CARMEN AGULLÓ DÍAZ  ( Xinzo de Limia1957)

Carmen AgullóLicenciada en Psicoloxía, Filosofía e Ciencias da Educación , e Doutora en  Pedagoxía. É unha das investigadoras con máis prestixio no ámbito español sobre a historia da educación das mulleres.
Hoxe  é profesora titular do Departamento de Educación Comparada e Educación na Universitat de Valencia. Cos seus traballos contribúe a darlle voz  ás mulleres silenciadas na historia e a defender a educación pública.
O seu traballo cobra moita relevancia cando participa no documental ¨Las Maestras de la República¨ dirixido por Pilar Pérez Solano que foi gañador do Goya á mellor película documental no ano 2014.

EMILIA BARRIO RODRÍGUEZ    (Ganade 1951)

Emilia BarrioHistoriadora e xornalista está vinculada ós movementos asociativos con firme compromiso feminista e defensores da igualdade de xénero en Andalucía.
Pioneira feminista , xa no ano 1979 foi unha das organizadoras das II Xornadas Nacionais do Movemento Feminista.
Presidiu en diferentes etapas o Forum de Política Feminista de Granada.  Actualmente é Vicepresidenta do Consello Municipal da Muller e membro do Consello Social da cidade de Granada.
Contaremos con Emilia nalgún momento deste ano para algunha xornada, obradoiro, mesa rededonda… Feminista. Porque o discurso non pode quedarse no acto do 8M. Ela hoxe non podía estar aquí, pero estará…

FINA CALLEJA (Gudín 1969)

Fina CallejaLicenciada en Ciencias da Información  é unha recoñecida actriz de teatro e televisión .
Forma parte do elenco de actrices da prestixiosa compañía  Sarabela Teatro pero tamén asume as responsabilidades de produtora artística e distribución.  Ademais exerce de docente na Aula de Teatro Universitaria de Ourense.
Fina Calleja recibe o premio María Casares ó mellor texto adaptado polas versión teatrais de O lapis do carpinteiro e Segismunda, compartido con outras compañeiras da compañía.

A súa popularidade dispárase cando participa na serie de televisión  ¨Padre Casares¨ no papel de Moncha, casada co alcalde da localidade. Pero traballa e outras moitas series, como por ex ¨El final del camino¨ e ¨ Viradeira¨.

EVA GONZÁLEZ DEVESA (Xinzo de Limia 1996)

O deporte feminino ten unha presencia case invisible nos medios. Chegou a hora de valorar os logros das nosas deportistas como o que son, éxitos do deporte. Sen etiquetas.

E en Xinzo temos unha SÚPER DEPORTISTA.

Eva elixe con sete anos o deporte que lle dará tantas satisfaccións ó longo da súa vida, a ximnasia rítmica é a súa paixón. Comeza en Xinzo e destaca inmediatamente acadando un terceiro posto no Campionato Galego de Promoción.

No 2005 comeza a entrenar co Club Escola Ximnasia Acordes en Oleiros, e no 2006 estréase nas competicións nacionais absolutas. Será en 2011 cando obtén un cuarto posto en conxuntos que lles serve para ascender a Primeira Categoría, facía máis dunha década que non o conseguía ningún equipo galego.

Participa en 3 Campionatos de España na modalidade de Ximnasia Estética, chegando o primeiro posto no último ano. Tamén se clasifica en tres Campeonatos do Mundo.

LOLA, PEPITA, SONSOLES E TERESA (Xinzo de LImia- Foto de principios dos anos 50)

Lola, Pepita, Sonsoles e Teresa son as mulleres retratadas vestidas de Pantalla. A foto ilustrada ten unha historia propia con carácter reivindicativo que fai destas mulleres pioneiras no entroido tradicional de Xinzo de Limia.

A principios dos anos 50 é Lola a primeira muller que sae vestida de pantalla ás rúas acompañadas por dous amigos do seu irmán. El anon ten traxe nin máscara pero decide coller un traxe que hai na casa que pertence ao seu irmán. Nese momento as mulleres tiñan prohibido vestila, pero Lola no seu afán de demostrar que non pasaba nada por que ela saíra ca pantalla consegiu que outras mulleres a acompañaran o ano seguinte: As irmáns Pepita e Sonsoles e a súa curmán Teresa visten o traxe de pantalla e saen a sufaldrear as mascariñas con Lola. Rompendo así cunha regla inxusta e absurda.

A partir deste momento cada ano máis mulleres anímanse a levar o personaxe mais querido e respetado do entroido de Xinzo. Grazas por abrir camiño.

MARÍA RUIDO (Pidre 1967)

Licenciada en historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo. É a día de hoxe un referente do audiovisual español de carácter feminista e documental, tratando temas dos politicamente incorrectos. Traballa a performance, a videoacción, o formato documental, o cine-ensaio e a vídeo instalación.

Recibe varios recoñecementos no ano 2003, o premio Nuevos Medios en Generaciones en Madrid. Ó mellor documental internacional no 47º Festival de Cine Independente de Nova York, no ano 2009. Tamén é premiada no Zinevi 53, Festival Internacional de Cine Documental e Curtametraxe de Bilbao. E moitos mais en certames de outras tantas cidades como Marsella, Moscú, Ourense...

 

DOÑA CARMEN URTIAGA (Villapresente-Santander 1903)

Esta mestra marcou a toda unha xeración na vida de Xinzo, chegou a Santander despois de estudar Pedagoxía Infantil e idiomas en Francia. En 1929 chega a Nocelo da Pena. É trasladada a Xinzo de Limia catro ano mais tarde como mestra de párvulos.

Carmen era unha muller con ideas avanzadas e modernas naquela época, moi consciente da necesidade de educar en igualdade. E ela loitou por concienciar de que as nenas tamén tiñan que ir á escola. Nenas e nenos tiñan que ter o mesmo dereito á educación.

 

GENOVEVA VÁZQUEZ CALVIÑO (Pontes Barxes 1896)

O seu pai era garda de fronteiras razón pola cal nace en Pontes Barxa (Bande) no ano 1896. Moi pequena ven a vivir o Barrio de abaixo (Barrio Sur) de Xinzo de Limia.

De personalidade curiosa e inquieta, aprende ela mesma a ler e escribir, como tantas outras mulleres naquel entonces, non foi á escola. Neses libros aprende a súa "profesión". Profesión entre comillas, porque nunca cobra polos seus servizos.

Solidaria por natureza axuda a nacer a meirande parte dos nacidos en Xinzo durante a época. Genoveva é a parteira oficiosa que asistiu a numerosísimos nacementos de moitas e moitos dos que hoxe en día pasean polas rúas da vila.

 

LOLA VILLARINO (Xinzo de Limia 1945)

Lola estudou na Universidade de Santiago de Compostela Económicas, nun contexto histórico onde as liberdades estaban cada vez máis limitadas. Militante no Partido Comunista de Galicia. Esta muller de carácter convincente e profundamente comprometida vive a revolta universitaria antifranquista en primeira persoa participando activamente nela.

No transcurso da súa vida desempeña cargos políticos en varias institucións.

É asesora no Concello de Santiago de Compostela durante o mandato de Xerardo Estévez.

Tamén ocupa o posto de teniente do alcalde de Vigo. Coñecida como "a dama de ferro" ó que ela sempre respondeu rotunda: "A un home que resolve problemas chámanlle eficaz, a unha muller dama de ferro":

No ano 2005 Lola Villarino convértese na primeira muller Presidenta do Parlamento Galego.

 

PEPA MOLINOS BARRIO (Sabadell 1963)

Os pais de Pepa son de Ganade pero viviron gran parte da súa vida fóra de Galiza. Esta é a razón pola que Pepa nace en Sabadell.

Son moitos os momentos vitais que marcan a vida de Pepa e no ano 1986 cando ten 26 anos, e xa casada, decide cambiar a súa vida na cidade pola do rural. Ela e a súa parella fanse cargo da explotación agrogandeira.

Pero a vida golpea con dureza e ten que vivir episodios tráxicos de perda.

Pepa non se rinde, e chea de forza. asume o oficio en solitario. Pasando de ter un papel complementario, a tomar as rendas da explotación para dirixila. Nun sector, dirixido e xestionado por homes, e onde a representación da muller estivo sempre relegada a un segundo plano. 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias