Accesibilidad

Noticias 

© España Vaciada | 29/03/2023 | España Vaciada

No 4º aniversario da 1ª manifestación da Revolta da España baleirada

Seguimos reclamando un futuro digno

29/03/2023 | Lodoselo

Ás 12h. no Campiño, diante da casa reitoral, coas campás da igrexa tocando - campás que nos pobos foron e seguen a ser a manifestación sonora da vida en común- concentrarémonos para lermos este manifesto:

A Revolta da España baleirada volve un ano máis a saír ás rúas para dicir alto e claro que seguimos reclamando ao Estado un futuro digno. Un horizonte de futuro onde todas as rexións que formamos este país podamos desenvolvernos por igual, sen servidumes de ningún tipo ou imposicións nas que as nosas provincias, comarcas e pobos sempre terminamos perdendo.
Desde a gran manifestación do ano 2019, na que conseguimos por primeira vez que os partidos políticos empezasen a falar do problema que sofre gran parte do noso país, vimos aos nosos gobernantes realizar moitas promesas. Nelas
comprometíanse a traballar para dotar á España máis esquecida, ao noso mundo rural, dos mecanismos necesarios para evitar o declive social e poboacional que vimos sufrindo. Tamén se dicía que ían adoptar medidas para conseguir un equilibrio entre os territorios máis poboados e con maiores servizos e as zonas máis despoboadas e pobres de España.
Moitas foron as promesas, pero, se nos fixamos nos feitos, poderemos ver como esa diferenza entre os distintos territorios non diminuíu, senón que mesmo se acentuou.
A pesar da creación dun Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, apenas se adoptaron medidas que revertan esta situación radicalmente inxusta. Ao contrario, as políticas implementadas ao fío das crises globais que se encadearon nos últimos anos non fixeron senón agravar a nosa situación. Son novas ameazas que se proxectan sobre a España baleirada, convertida unha vez máis en “territorio de sacrificio”.
Como exemplo, basta poñer o acento nunha serie de situacións que están a afogar o noso territorio e que expolian os nosos recursos sen deixar beneficios a longo prazo nas nosas comarcas:
1) A ameaza dos megaproxectos enerxéticos, con inmensos parques solares ou xigantescos campos de aeroxeradores que están a colonizar a nosa paisaxe. A Transición Enerxética non pode converterse nunha transición inxusta, á conta das comunidades campesiñas, para beneficio de empresas con sede social en provincias e mesmo países afastados e alleos aos territorios onde producimos a enerxía e que sufrimos a expropiación das nosas terras para seguir alimentando un modelo enerxético cuestionable, especulativo e insostible.
2) O perigo das chamadas macrogranxas, que están a asfixiar moitos dos pobos das nosas provincias e contaminando os seus chans. Asistimos a un proceso no que, por unha banda, promóvense e instalan estas megaindustrias cárnicas que apenas xeran emprego nos territorios onde se implantan, incentivándoas economicamente, e, doutra banda, déixase caer á gandería extensiva tradicional con normativas que parecen estar feitas expresamente contra os pequenos gandeiros que son quen produce alimentos saudables e de proximidade, coidan o medio natural e sosteñen a vida nos pobos.
3) A ameaza da nova minería extractiva, que se lanzou á explotación de minerais cada vez máis escasos e á obtención de terras raras para as industrias tecnolóxicas punteiras, en mans de poderosas empresas que transforman o produto en fábricas afastadas das provincias de extracción. Ademais, responden aos intereses do capital financeiro especulativo, sen importar a destrución que xeran e ignorando as protestas das poboacións afectadas.
4) A ameaza da reactivación dos transvasamentos de auga, nun contexto de crise climática, quecemento global e prolongación das secas, sacrificando o desenvolvemento das rexións da España baleirada en aras do progreso das comunidades máis ricas e favorecendo a aposta por modelos intensivos de produción, talvez insostibles, noutras rexións onde a auga é un ben escaso.
5) A ameaza de novas formas de explotación industrial dos nosos bosques que responden á avidez enerxética. Os incendios devastadores do pasado verán non serviron para dar un xiro radical ás políticas públicas de prevención de incendios, incentivando os labores de coidado, roza e mantemento dos montes, así como de aproveitamento sostible dos bosques, e implicando ás comunidades rurais no seu deseño e xestión, de modo que xeren emprego na poboación local.
5) O desmantelamento de servizos que conleva o ser un territorio de sacrificio e sen futuro. Así, a desatención de servizos tan básicos como a sanidade, coa precarización da Atención Primaria, a redución de profesionais, as barreiras para a atención presencial e mesmo co peche de consultorios e farmacias rurais.
6) O abandono das liñas tradicionais de ferrocarril, e mesmo o seu peche, en contra das directrices da Unión Europea que promoven a ampliación das mesmas e o seu uso para o transporte, non só de viaxeiros, senón tamén de mercadorías. Ao mesmo tempo, séguense investindo inxentes cantidades de diñeiro nas liñas do AVE que só serven para conectar cidades, mentres que se deixa atrás ao medio rural, roubándolle calquera posibilidade de futuro.
Estas, e outras ameazas, acentúan a percepción de que realmente somos unha España baleirada, a cal, se non se toman medidas urxentes, non sairá da súa prostración.
Neste día queremos dicir que non imos tolerar converternos nun territorio sacrificado para favorecer a outras rexións e sectores con máis peso na economía. Nin tampouco aceptamos que existan comarcas do noso país destinadas a soster un sistema económico en crise, cimentado na especulación, a desigualdade e o desequilibrio.
Desde o movemento social da Revolta da España baleirada traballamos para reverter esta situación. Con este fin elaborouse un Modelo de Desenvolvemento que se plasma en 101 medidas para facer fronte ao despoboamento na procura dunha España máis xusta e equilibrada. En base a esas propostas, reclamamos un Pacto de Estado que comprometa a todas as forzas políticas e institucións neste empeño.
Ademais, reclamamos ao Estado español que estableza os controis necesarios que aseguren que os proxectos que se acometan en zonas rurais se axusten na súa natureza e dimensións á legalidade e ao sentido común e os seus impactos negativos respondan a criterios de equidade e proporcionalidade.
Por último, esiximos que os investimentos de proxectos que se realicen no medio rural, con destino a proporcionar bens e servizos a persoas e empresas que non vivan nin teñan sede social no territorio, leven incorporada unha partida finalista de compensación para a comarca afectada, que sirva para poñer en marcha solucións eficaces e tanxibles contra o despoboamento e o desequilibrio territorial.
Porque NON QUEREMOS SER UN TERRITORIO DE SACRIFICIO.
A Revolta da España baleirada SEGUE LATEXANDO.

https://www.coceder.org/wp-content/uploads/2023/03/Video_1-1.mov

Arquivada en:
Infórmate > Noticias