Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 23/06/2016 | 1

AUTOEMPREGO NO MEDIO RURAL

OBRADOIRO BAEG-5 (Busca Activa de Emprego Grupal – 5º encontro)

23/06/2016 | A Limia

O 21 de xuño iniciamos a xornada visitando a experiencia de Alicornio -un proxecto de elaboración e comercialización de licores ecolóxicos en Sarreaus-. A continuación, desprazámonos ó Centro de Inclusión de Lodoselo, onde se celebrou unha mesa de experiencias de emprendemento rural na que participaron Jorge Gándara -que nos contou a súa experiencia de cultivo e comercialización de patacas-, e José Antonio de cría de gando vacún en Lodoselo. Trala comida no Comedor social de Lodoselo, púxose en valor a experiencia de desenvolvemento comunitario do C.D.R. “O Viso”.

O mércores 22 reunímonos nas instalacións da Aula CEMIT de Xinzo de Limia, onde repasamos algunhas das principais entidades que podían apoiarnos á hora de emprender e, posteriormente, tivemos a sorte de contar coa participación dunha experta na temática en cuestión como é Cándida Cid, Técnica de autoemprego do Concello de Xinzo de Limia, que nos explicou diversas modalidades de iniciativa privada, axudas para a promoción do emprego autónomo, ensinounos as subvencións que existen para colectivos en risco de exclusión social, a cubrir unha solicitude de subvención e falounos do plan de empresa.

No que atinxe a este obradoiro, esperamos que o acontecido se axustase ás necesidades e expectativas das persoas participantes e rematamos agradecendo a colaboración das persoas que nos contaron a súa experiencia (Iñaki, Jorge e José Antonio), e tamén a Cándida pola súa participación.

Finalizamos o obradoiro, avaliando coas persoas participantes o acontecido, e tamén unha posta en conxunto do sucedido no primeiro semestre no Proxecto Reinvéntate “animación sociolaboral en grupo” un proxecto substentado nos principios da intervención psicosocial con grupos. Todos os meses propuxéronse temáticas relacionadas coa orientación laboral, e fíxose unha avaliación inicial coas persoas, continuada mes a mes e en cada obradoiro e final coas que completaron o ciclo tralo primeiro semestre.

A maioría apuntou que lles gustaría que as actividades continuasen tralo verán, e apuntaron á boa comunicación, ó compañeirismo, ó sentirse formando parte do grupo, ao ensino práctico proposto como aspectos salientables do sucedido neste primeiro semestre.

A boa onda destas avaliacións poñen en valor a importancia das iniciativas e propostas asamblearias e de participación directa onde distintas persoas se reúnen para dar resposta a un obxectivo común: todas están en desemprego, e non todas están preparadas ou compiten polo mesmo, de aí que entre todas poden xerar aprendizaxes compartidas e aumentar as posibilidades de atopalo.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias