Accesibilidad

Noticias 

Celebramos o 25 aniversario

Cunha xornada de portas abertas e o magosto

08/11/2015 | Lodoselo

Este sábado pasado, coa axuda dun espectacular día de outono, pasamos unha xornada entrañable en Lodoselo. Xa pola mañá algúns dos participantes do Centro, que diariamente se lles leva o xantar á súa casa, foron chegando ó centro para, neste día especial, xantarmos todos xuntos.

Despois  dunha longa sobremesa con música e algunha que outra sorpresa (ata apareceu por aquí Raúl, o argentino) fomos preparando todo para as 17h, como estaba programado, comezar. E, con moitísma xente, que de súpeto encheu os arredores  fomos lembrando nestes espazos (casa reitoral, centro de inclusión, escola)  a partires dun vídeo elaborado polos amigos Diego e Mariola (productora DIMA), o día a día do CDR O Viso e algún que outro momento destes 25 (que son 30) anos de acompañamento á xente do noso medio rural tratando de contribuír a unha mellora da calidade de vida. Con algo de morriña e mesmo, por momentos, tristura porque nas moitas fotos que colgaban polo centro de inclusión e na escola había bastante xente que xa finou... Pero ó lado disto a vivencia gozosa de compartirmos estes anos e rirnos lembrando momentos ós que nos transportaban as fotos.

E moi ben acompañados polos espectaculares grupos de música que nos quixeron agasallar nesta xornada co seu ben facer: os galos de Antioquía e as mozas de Cantaralai... Gozamos moitísimo con el@s. Agradecer tamén a disposición de traballador@s, voluntari@s e todo o persoal que fixo posible esta xornada; a toda a xente que participou, ás autoridades que puideron e quixeron acompañarnos (xefe territorial de política social, alcalde do Concello...), aos que non puideron vir e nos fixeron partícipes do seu sentir... Agradecer a Belén e Iñaki a súa colaboración tamén por poñerlle a guinda á xornada: achegaron os licores ecolóxicos que probamos, feitos na destilería Alicornio, aquí pretiño, no noso concello.  A tod@s, moitísmas grazas. 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias