xoves 17/03/22

O rural, no camiño da igualdade

DESPOIS DO 8 DE MARZO

Paula Miranda. CDR O Viso. Opinións (2)

O 8 de marzo é unha data para reivindicar non para festexar, onde as mulleres do rural da comarca da Limia saímos as rúas para que as nosas voces sexan escoitadas, para esixir os nosos dereitos, para visibilizar desigualdades polo feito de ser mulleres. 

O 8 de marzo é unha data onde unha marea de mulleres tinguimos as rúas de protestas, doutras cores, querendo mudar miradas. Unha data de debate, de reflexión, de facernos e facer preguntas e conseguir respostas, pretendendo que non se quede nunha data senón que se consigan dereitos que xa deberíamos ter alcanzados.

Parecese que moitas cousas mudaran neste camiño cara a igualdade; mais, é así? No medio rural as mulleres seguen batendo con teitos ben duros. Seguen sumidas na precariedade laboral con contratos a xornada parcial e de corta duración, topándose coa fenda salarial, repercutindo na cotización e provocando dependencia económica. 

Seguimos asumindo empregos relacionados cos coidados, vitais, pero que non se respectan e mal pagados. Seguen sendo as mulleres as responsables dos coidados das fillas e dos fillos, das persoas maiores e das persoas dependentes.

Seguen florecendo roles de xénero que parecían extinguidos que producen desigualdades e violencias cara a muller, e nos cales dende as institucións públicas e entidades do social debemos intervir para rachar, para transitar nun camiño de respecto á diversidade, de dereitos e de xustiza social. Sobre todo facendo fincapé no eido educativo sendo a igualdade un eixo transversal.

Seguen florecendo roles de xénero que parecían extinguidos que producen desigualdades e violencias cara a muller, e nos cales dende as institucións públicas e entidades do social debemos intervir.

Aínda queda moito por construír neste camiño de igualdade, e non basta con sinalar unha data no calendario.


Paula Miranda é traballadora do equipo socio-educativo do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso.

O rural, no camiño da igualdade
comentarios