Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 13/04/2016 | 1

Obradoiro BAEG-3 (proxecto RE-INVENTATE “Animación sociolaboral en grupo” - 3º encontro)

“Habilidades sociais e ferramentas para a busca activa de emprego”.

13/04/2016 | Xinzo de Limia

O primero martes e mércores do mes, 5 e 6 de abril, volvemos xuntarnos na Casa da Cultura para retomar o Proxecto Re-Invéntate. Iniciamos cunha boa nova que foi o abandono do grupo dun dos participantes; o que a priori semella paradoxal non o é, debido á súa inserción laboral agradecendo o apoio recibido e transmitíndonos ánimo a animadores e participantes.

Durante a primeira sesión, levouse a cabo unha breve presentación ás habilidades sociais, e comezamos a polas en marcha coa práctica de autocandidaturas (ir ás empresas aínda que non haxa ofertas de emprego), as chamadas telefónicas e tamén a rede de contactos. Xa na segunda sesión, iniciamos con técnicas de relaxación como medio de predisposición para a práctica e ensaio de entrevistas laborais mediante “role-playing”.

Tratando de fomentar a autonomía das e dos participantes, propuxemos supostos prácticos facendo nós de entrevistadores e, inicialmente, custáballes pórse en situación pero logo recoñeceron sentirse máis tranquilos e tranquilas xa que alí compartíamos un obxectivo común e non tiñan nada que perder.

As persoas participantes poñen en valor a importancia de estar xuntas, e a modo de avaliación do acontecido podemos concluír:

- Como positivo o bo ambiente e humor do grupo, a metodoloxía práctica e vivencial empregada, a motivación e o hábito de emprender un camiño para acadar un emprego.
- Como negativo solicitan a posibilidade de contar con máis horas de duración para afianzar e non perder o fío do grupo.

Sendo o C.D.R. O Viso entidade colaboradora da Rede CEMIT, o próximo mes estaremos o 3 e 4 de maio co Obradoiro BAEG-4 “A BAE na Internet e Inclusión Dixital”.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias