Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 02/03/2015 | cocina

Unha nova que non é nova

Percorrendo un paraíso desadornado de xente

02/03/2015 | Lodoselo

Día a día, ano a ano e van un montón deles (desde 1998 leva funcionando o comedor social) os traballador@s do CDR O Viso -con 3 vehículos, uns 150 Kms diarios- percorremos estradas, pistas, rúas, camiños da Limia para chegar co xantar a domicilio ou para recoller ás persoas que veñen ó comedor comunitario. 

Neste pasado mes de febreiro, por exemplo, houbo preto de 60 persoas de máis de 20 pobos de 4 Concellos (Sarreaus, Xinzo de Limia, Trasmiras e Cualedro) que foron partícipes do xantar a domicilio e outras 20 persoas que acudiron ó Centro a xantar e facer outras actividades.

Facemos esta nova, que non é nova, porque cada vez notamos máis que o noso medio rural está sendo un medio baleiro, un paraíso deshabitado, "desadornado de xente" di M. Rivas. Cando cada mes renovamos os rexistros é raro que non teñamos variantes: altas e baixas. Estas soen ser porque xa non poden seguir máis tempo nas súas casas, no seu medio e teñen que marchar a unha residencia, ou porque morreron.

Pero ó lado disto queremos salientar que tamén recibimos algunhas boas dosis de ánimo:

- O recibimento que nos fan, as mostras de cariño e agradecemento por achegarlles moito máis que unha comida preparada cada mañá por Manola, Maruja e/ou Lula e acompañada pola presenza de Alberto, ou Bruno, ou Marta, ou Yedhiel, ou Sonia...

- As achegas coas que colaboran algúns particulares, organizacións, administracións... e que posibilitan que isto siga podendo facerse. Non estamos con isto xustificando o que a veces se vende cando se contan estas cousas, isto é cambiar dereitos por caridade. Pero si queremos agradecer que tamén é moi alentador para nós que unha persoa que se xubila -como pasou este fin de semana- veña ofrecerse, veña dar ó CDR algo dese seu tempo. Moitas grazas    

Arquivada en:
Infórmate > Noticias