Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 27/08/2018 | 1

Pregunto, escoito, sorrío, dou bicos. “Só” acompaño.

Aportando calidade: graciñas Carmela

27/08/2018 | Lodoselo

Son Carmela, teño 21 anos e vivo en Barcelona dende hai 14. Cheguei ao CDR “O Viso” en calidade de voluntaria (do tipo “visita de médico”, xa que só me quedo dúas semanas).

Este verán, quería ter una experiencia diferente, pero moitas ideas cruzábanse na miña cabeza: entrar en contacto ca terra e aprender dela, traballar con maiores e cativos, coñecer a experiencia de algunha persoa migrante na Galiza...

Indescritible foi a miña alegría cando, investigando pola net e preguntando aos círculos próximos, atopei Lodoselo (CDR O Viso), que recolle todos estes proxectos (e máis!) para traballalos en comunidade. Por desgracia, algúns deles (como o das clases de castelán, o pobo escola, o traballo no campo…) páranse no verán, polo que principalmente quedan as actividades de concilia, o comedor social e vida cas persoas da vivenda tutelada.
Ao ser una semana excepcional tamén por estar máis empregadas de vacacións, volvendo delas ou esperando para irse, os patróns de funcionamento alteráronse tamén un chisco, e atopeime que polas mañás, a actividade principal ca xente maior é falar.

Falar, si, falar. Básica e sinxelamente. Nunca fun unha boa falangueira, así de boas a primeiras, pero, fixándome no seu día a día, decátome da importancia que esto pode chegar a ter. Para eles, falar implica esforzarse en lembrar, ordenar e expresar vivencias, compartilas e contrastalas co resto. Non é falar por falar.
Para min, falar implica escoitar e intentar enchouparme canto máis mellor da sabiduria que desprenden, intentar imaxinarme como foron as súas vidas cotiás, os seus problemas, os seus tempos de lecer. Eles falan sen pelos na lingua e sen vergonzas e mais de una vez teñen saídas simpáticas que me fan soltar unha gargallada limpa.

Unha amiga preguntoume se estaba a facer o que sería unha animadora de tempo libre. Home, animar non sei se animo. Non veño con título nin nada. Parece ser que por agora, mais  ben acompaño. Pregunto, escoito, sorrío, dou bicos. “Só” acompaño.

Arquivada en:
Colabora > Grazas polo teu testemuño