Accesibilidad

Axenda de actividades

© CDR O Viso | 30/10/2020 | Fonte do forno

O noso patrimonio da auga

Conectando, vinculando as persoas

01/07/2020 - 30/06/2022 | A Limia

No CDR “O Viso” botamos a andar un novo programa de intervención comunitaria; unha actuación enmarcada na subvención de Inclusión de Política Social da Xunta de Galicia e cofinanciada parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco dos programas operativos FSE Galicia 2014-2020 e Feder Galicia 2014-2020.
O programa é “O PATRIMONIO DA AUGA” e  xurdiu para conectar persoas de diferentes idades nas nosas aldeas, para manter vivo o patrimonio material e tamén o inmaterial con relación á auga; para coñecer, recoñecer e poñer en valor os espazos comunitarios do lugar.
Porque  falar de Galicia é falar de auga: muíños á beira dos ríos movidos pola forza da auga; fontes a moreas repartidas por cada aldea; mananciais naturais nos montes; lavadoiros comunais coa auga canalizada;  as tornas nas leiras para garantirlles auga ós cultivos… Terra dos mil ríos, e, seguro que algún máis. O certo é que calquera dos lugares dos que falamos foron ata hai ben pouco espazos para a conversa; lugares compartidos nos que se labrou a comunidade. Lugares necesarios, imprescindibles para a vida da nosa xente.
Abrir a billa e que saia auga potable fixo que esqueceramos o esforzo diario de ir buscar auga á fonte para cociñar, para o aseo, para o coidado dos animais, para a rega. A vida é máis cómoda, pero xa non se conversa con quen está na fonte diante túa, mentres se agarda a que encha o seu caldeiro.
A incorporación da lavadora no século XX foi unha revolución para as mulleres, escravizadas verán e inverno, a lavar a roupa no lavadoiro ou no propio río. Pero tamén se perdeu ese espazo íntimo de conversa, reflexión, apoio mutuo e solidario.
Tornar a auga para poder regar os cultivos foi unha práctica na que o común era o propio; á mañá a auga cara a miña leira, á tarde cara a túa. Solidariedade e compartir o que a terra ofrece.
O progreso fíxonos mellorar en calidade de vida, sen dúbida. Pero en Galicia sabemos que o esquecemento se apoderou de nós. As fontes xa non son necesarias, por iso nin se limpan, nin se usan, nin a mocidade sabe do seu nome. Poderíase facer un símil entre isto e a vellez? O que non nos é útil, o que non é necesario, cae no esquecemento?
Somos a última xeración conectada coa terra a través dos nosos avós e avoas. O relato da Galicia rural está dando os seus últimos retallos e urxe facer algo ó respecto: dar e recibir.
A situación sanitaria causada pola COVID-19 fai que sexa imposible levar a actividade tal como tiñamos previsto, e dinamizar sen o grande grupo constitúe un feito contraditorio en si mesmo. Aínda así buscamos e atopamos camiños para facelo posible. Amosaremos os froitos do traballo.

Lugar de celebración:

Arquivada en:
Infórmate > Axenda de Actividades