Accesibilidad

Noticias 

© Proyecto “Minho Inovaçao PA3- Aldeias de Portugal" | 03/03/2023 | Cartel Campo do Gerès

A escola é o mellor do pobo

Participaremos no Programa de animación comunitaria e capacitación para o desenvolvemento das comunidades rurais

03/03/2023 | Campo do Gerês

O vindeiro mércores, día 8 de marzo, participaremos en Portugal no Programa de animación comunitaria e capacitación para o desenvolvemento de comunidades rurais de alta montaña. No Proxecto “Minho Inovaçao PA3- Aldeias de Portugal” que executa a Escola Superior Agraria de Ponte de Lima e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo. O encontro está organizado pola Oficina de Partilha de Conhecimentos e de Experiencias, co apoio da Junta de Freguesia de Campo Geres.
Alí están a desenvolver, nas Terras de Bouro, un proxecto de animación comunitaria, na cal o foco principal é realizar un diagnóstico participativo coa comunidade da aldea e promover algunhas sesións de capacitación ligadas ás oportunidades/problemas que a comunidade local afronta.
Entenden que a cuestión da Escola é fundamental; de aí esta sesión de capacitación e de compartir experiencias enfocadas na Escola no medio rural. Para familias con crianzas que viven ou pretendan vivir na aldea, para recuperar a conexión das nenas/os e das mozas/os polo medio rural, contribuíndo para o desenvolvemento de lazos entre as novas xeracións e os territorios, a natureza, a cultura e as persoas.
Participaramos alí, no mesmo espazo, no Museo Etnográfico de Vilarinho das Furnas, no ano 2018 nas “IV Xornadas técnicas sobre os Carbalhos,  educar para a Floresta Autóctone” convidados polo José Carlos Pires; un emprendedor, unha persoa activa e empeñada na dinamización asociativa do turismo de natureza no Parque Nacional de Peneda Geres (PNPG).
Encantados de achegarnos onda estes veciños do outro lado da Raia, aprender deles e gozar da boa compaña. Imos ter a ocasión de escoitar, entre outros, ó Profesor Abílio Amiguinho, que fará unha intervención con dúas compoñentes: unha máis reflexiva e teórica e torno aos modelos educativos en territorios de baixa densidade e outra incidindo na súa experiencia na iniciativa Entre Tempos, un proxecto interxeracional que creou e acompaña en Portalegre.

Para nós, referencias admirables na aposta pola escola rural, como o Rui Canario ou o Joaquim Marques con quen traballamos en parcería (Preescolar na Casa- ICE, Instituto das Comunidades Educativas). Autor do libro "A escola é o melhor do povo".  Expresión, proferida por un vello campesiño, e que na lingua portuguesa permite referirse a que - a escola é o mellor das persoas, porque nela están os nenos e elas son "o mellor do mundo" (Fernando Persoa), a promesa da renovación e do rexuvenecemento social en comunidades envellecidas e ameazadas de despoboamento; mais a escola é tamén o mellor da poboación (referenciada tamén por Pobo, sobre todo polas persoas máis anciás), porque era, nas pequenas aldeas, frecuentemente o único servizo público, a imaxe da presenza dun interese colectivo e aínda o recurso físico, material, para a acción colectiva, a reunión, etc.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias