Accesibilidad

Noticias 

© CDROViso | 22/11/2018 |

Hoxe e sempre, por unha infancia feliz.

O CDR O Viso aposta pola disciplina positiva.

22/11/2018 | Xinzo de Limia

Nesta semana, na que se conmemora o Día Universal do neno e da nena, queremos reafirmarnos na nosa visión da educación, herdada de Preescolar na Casa , e que vai na liña da disciplina positiva: a comunicación, o amor, o entendemento e a empatía como claves para unhas mellores relacións familiares. Nesta sociedade da sobreinformación, na que recibimos centos de mensaxes e métodos exprés de crianza, moitas veces contraditorios e moitas veces irrespectuosos coa infancia, consideramos moi importante que persoas educadoras e as familias conten con ferramentas educativas que lles permitan entender os ritmos e comportamentos propios da etapa infantil, para que nenos e nenas aprendan a relacionarse dende o respecto mutuo e conten coas competencias básicas para a vida. Nesta aposta pola educación respectuosa, o CDR “O Viso” retomou en outubro o programa Educación Infantil Familiar na Limia, grazas o financiamento obtido da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, e a través do cal as familias da comarca participan en xuntanzas nas que compartir tempo de xogo coas fillas e fillos e reflexións acerca da crianza e educación con outras familias e as persoas educadoras. Como peche do ano, o día 27 de decembro terá lugar nas instalacións do CIX da Limia unha charla introdutoria á Disciplina Positiva, da man de Remedios Cid, mestra limiá afincada en Madrid, creadora da Casa Nido “La casita de Lúa” e experta en educación activa.

Arquivada en:
Infórmate > Axenda de Actividades