Infórmate > Noticias 

Noticias 

O campus acolleu este xoves os II Encontros de Educación dende o Compromiso co Territorio
Compartir en Facebook Compartir en Twitter

12/04/2018 | Ourense

Así o recollen o DUVI (Diario da Universidade de Vigo) e o Faro de Vigo

1 de 7

O obxectivo, crer e crear un futuro mellor para o rural

Coa participación de arredor de 400 estudantes universitarios e do CIFP Portovello

Rosa Tedín | Ourense

A Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense acolleu este xoves os II Encontros de Educación dende o Compromiso co Territorio. Achegamento ás Experiencias de Desenvolvemento Rural, organizados por este centro xunto ao CIFP Portovello de Ourense. A cita reuniu a arredor de 400 inscritos e inscritas dos dous centros para estreitar lazos, para intercambiar perspectivas e sobre todo para que coñeceran a realidade e experiencias de éxito de desenvolvemento educativo no rural.

Os encontros foron inaugurados polos responsables dos dous centros implicados na organización e por Manuel Doval, deputado provincial de Cultura. Mar García, decana da Facultade de Ciencias da Educación, salientou como estes encontros abordan nesta edición “a preocupación que temos polo despoboamento do rural e a precariedade de servizos nel”. Fronte a esta situación, avogou por facer do rural un “medio habitado e habitable” a través da aposta polo desenvolvemento integral e sustentable. Pola súa banda, Abel Ocampo, director CIFP Portovello, puxo o aceno no bucle de que “non hai poboación non hai servizos, non hai servizos non hai poboación” e apostou por rachar esta dinámica facendo que a xente nova aposto polo rural “con imaxinación e iniciativa”. “Ver esta aula con tantos alumnos e alumnas demostra que detrás hai moita forza e moitas gañas de cambiar o futuro”, destacou durante a súa intervención Manuel Doval, que fixo fincapé na necesidade de garantir a igualade de oportunidades no rural, de dinamizalo e de pór en valor as súas potencialidades.

Tomando exemplo
A xornada contou cun programa de mañá e tarde no que alén de achegarse a casos de éxito foráneos, se afondou principalmente na situación galega e en experiencias de traballo no rural. A actividade arrancou cunha intervención de Antonio Rodríguez sobre o contexto e a evolución dos centros de desenvolvemento rural a partir da súa experiencia na confederación que os agrupa e como un dos promotores do CDR do Viso, recoñecido no eido comunitario e educativo como un referente. Este mestre de Educación Primaria con 27 anos de experiencia en Preescolar na Casa, realizou unha intervención centrada “na forza da comunidade” partindo da idea de que “eu son nós, eu son na medida en que o outro é”. Sobre o éxito do CDR do Viso, quixo salientar como “é patrimonio da comunidade, do traballo de moitos veciños e veciñas” que recolleron o “testemuño dos nosos antepasado, do que se viña facendo no medio rural”. Durante a súa intervención, o pedagogo reivindicou a consideración do comunitario, e non só do público e do privado, cando se fala do rural e recalcou como “necesitamos un pobo para educar a un neno ou nena” e non só á familia e á escola. Fronte “ao sentimento de que todos os días o rural vai a menos, hai que crer e crear, ter a esperanza dun mundo mellor e loitar por el. Fronte ao pesimismo queremos imaxinar un futuro posible e mellor para o rural”, afirmou Antonio Rodríguez.

Trala súa intervención, a programación contou cunha palestra de Carles de Ahumada, que explicou o caso de L`Olivera como “cooperativa referente na inclusión social” en Cataluña. Xa pola tarde a actividade continúa cunha presentación da Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural, que aproveitando este encontro celebrará unha asemblea, e unha mesa redonda na que se abordará a realidade dos centros de desenvolvemento rural a través de catro casos destacados, como son os CDR O Viso, en Lodoselo; o Portas Abertas, en Vilardevós; o Ancares, en Cevantes, e o Euroeume, en As Pontes. A xornada pecharase cunha intervención de Akira Valero e Dani Blanco titulada Rural must go on na que estes estudantes de Portovello farán unha actuación tomando como referentes os temas abordados ao longo da xornada.

Achegamento entre centros
Alén do achegamento a estas experiencias de desenvolvemento no rural, Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación do campus e promotor xunto a Suso Fortes, docente do CIFP Portovello, destas xornadas, sinalou que o máis importante desta iniciativa é o achegamento que se produce entre os dous centros implicados, que están situados moi preto xeograficamente, e o seu alumnado. Cada curso académico un número destacado de estudantes do CIFP Portovello, concretamente dos ciclos de Animación Sociocultural, Integración Social e Educación Infantil, matricúlanse na Facultade de Ciencias da Educación ourensá para realizar estudos de grao en Educación Social, Traballo Social ou Educación Infantil. A xornada permite aos estudantes do Portovello vir ao campus, coñecer as instalacións universitarias, preguntar as súas dúbidas e falar con alumnado de Ciencias da Educación.

https://duvi.uvigo.gal/duvi_gl/contenido/artigos/academicas/2018/04/artigo_0015.html

Arquivada en:

Infórmate > Noticias

MATERIAIS RELACIONADOS
Enlaces
Noticias

Hosting por dinahosting.

banner

Boletín

Mantente informado/a

Recibe o noso boletín

Máis info