Accesibilidad

Axenda de actividades

© CDR O Viso | 10/11/2014 | Foto cartel

A nosa xente, as nosas aldeas: I Concurso de Fotografía

O prazo de admisión é entre o 10 de novembro e o 5 de decembro do 2014

10/11/2014 - 05/12/2014

O obxectivo deste concurso é incentivar a participación na misión de darlle notoriedade ás persoas do nosos pobos e poñer en valor ó rural galego. Ten como finalidade aproximarnos á realidade do medio rural, da súa xente e a súa vida no mesmo, a través de traballos fotográficos.
1. Poderá presentarse ó concurso calquera persoa profesional ou afeccionada á fotografía maior de idade. Se se presentasen menores, necesitarase a autorización da familia.
2. TEMÁTICA: Os traballos deberán axustarse ó tema proposto, a xente das aldeas en calquera das súas manifestacións: as persoas, as súas familias, as actividades cotiás, o tempo de lecer, a interxeneracionalidade,… A fotografía terá que ser inédita.
Os traballos fotográficos deben contribuír á posta en valor do rural galego, polo que é imprescindible que as instantáneas fosen tomadas en Galicia. Non se aceptarán fotografías publicadas ou premiadas noutros concursos. Tampouco se aceptarán “collages”, montaxes ou fotografías manipuladas dixitalmente que alteren as imaxes máis aló do que se pode chegar a modificar mediante os procesos dun revelado químico. Sí se admitirán fotografías en cor e en branco e negro.
3. O número de fotografías que pode presentar cada participante está limitado a 3.
4. Tamaño: As fotografías independentemente de como fosen capturadas deberán enviarse cunha resolución mínima de 300 ppp e cun tamaño mínimo aproximado de 20x30 cm., e enviaranse en formato JPG coa mínima compresión posible. As fotografías poderán ser tanto en cor coma en branco e negro.
5. Envío: As fotografías enviaranse á conta de correo electrónico concursofotografico@cdroviso.org. No corpo do e-mail deberá constar:un Pseudónimo e título da foto. Adxuntarase ó correo, ademais da foto, un anexo (pdf ou word) que teña como nome do arquivo o pseudónimo. Dentro de dito anexo costarán os seguintes datos persoais: nome, apelidos, data de nacemento, NIF, domicilio, teléfono e e-mail e lugar no que foi tomada a fotografía. Cada fotografía enviada debe incorporar no nome do arquivo JPG o pseudónimo e o título da obra.
6. Prazo: O prazo de admisión de obras comeza o día 10 de novembro e finaliza o día 5 de decembro de 2014.
7. A organización non se responsabilizará de aspectos relacionados co dereito á intimidade dos traballos presentados, recaendo sobre o/a autor/a toda responsabilidade de xestionar os permisos ou autorizacións pertinentes das persoas que poidan aparecer nas fotografías presentadas, así como facer fronte a calquera reclamación por estes conceptos.
8. As persoas autoras ceden expresamente os seus dereitos de reprodución tanto para poder publicar as fotos na páxina www.cdroviso.org e en https://www.facebook.com/oviso.cdr, como para imprimilas e/ou utilizalas en publicacións do Centro de Desenvolvemento Rural “O Viso”.
9. Xurado: O Xurado estará composto por profesionais e membros da Xunta Directiva do Centro de Desenvolvemento Rural “O Viso”, que serán quen elixan a fotografía gañadora.
As persoas autoras manterán os dereitos intelectuais sobre as obras que presenten, non obstante o Centro de Desenvolvemento Rural “O Viso” poderá dispor delas da maneira que mellor considere para fins divulgativos e non lucrativos, relacionados co propio concurso ou en actividades e/ou publicacións que a organización desenvolva. En calquera caso citarase sempre ó/á autor/a en cada fotografía utilizada. A decisión do xurado será inapelable e darase a coñecer o día 15 de decembro de 2014. O fallo tamén se publicará ese mesmo día na páxina web www.cdroviso.org e no facebook do Centro de Desenvolvemento Rural “O Viso”.
10. PREMIOS: Seleccionaranse 1 fotografía gañadora que será empregada polo CDR “O Viso” para deseñar a súa felicitación de nadal para o ano 2014. Ademais a persoa que resulte gañadora recibirá unha Cesta de nadal con produtos do Comercio xusto e poderá desfrutar dunha Estancia de fin de semana para 4 persoas no albergue do Pobo escola do CDR O Viso (Lodoselo). Datas da estancia segundo dispoñibilidade do CDR O Viso. O xurado poderá declarar o premio deserto.
11. Participar supón aceptar estas bases e a inapelable decisión do xurado.

Lugar de celebración:

Lodoselo

Arquivada en:
Infórmate > Axenda de Actividades