Accesibilidad

Noticias 

© Laroá | 04/07/2022 | Pico, pico, zarandico

Na festa do Pico, pico, zarandico

A marabilla de xuntarnos, bailar e xogar xuntos

04/07/2022 | Laroá

O pasado sábado  en Laroá fixemos a festa do Pico Pico Zarandico. Por que? Porque tiñamos moitas ganas de xuntarnos, bailar e xogar xuntos. Foi unha marabilla.
Á mañá cocemos o pan coa Rosa e o Toño, e entre quentar, amasar, deixar levedar e enfornar pasounos medio día cun entrar e saír de xente que tiña ganiñas de estar. De tarde xuntámonos  para xogar, e estabamos á espera de que chegase o Toño de Lodoselo cos xogos populares cando xa apareceu o Benito cunha billarda recén feita e unha roucha para irmos quentando. Xogamos varias partidas do Pico Pico Zarandico interxeracional, como levamos facendo anos e anos en Laroá e Fiestras.
E cando chegaron os xogos populares  daba gusto vernos coa camiseta oficial da festa enredando e estrebillando con todo aquilo que o Toño nos ía ofrecendo. Seica  non deixamos de xogar porque envellecemos, senón que envellecemos por deixar de xogar; e alí estaban maiores e nenos, mozas e rapazada xogando xuntos e gozando do saber popular. Uns subidos nos zancos e amosando a destreza coa roucha, nais e fillas, parellas e quen cadrase nos esquís colaborativos, lanzamento de boina, os birlos, a billarda, a ra, o pesca-botellas, apaña-patacas… e ó tempo conversas, aprendizaxes, historias de antes e de agora, a rapazada xogando ás escondedelas como se fixo desde sempre.
Despois botáronlle unhas pezas os gaiteiros de Laroá (imprescindibles) e ceamos e festexamos ata as tantas.
Coma en todo é un alento ver que somos comunidade, que aínda somos quen de xuntarnos e autoxestionarnos para unha festa ou para limpar os camiños. Ogallá sexamos sempre conscientes do poder que temos, de sabérmonos donos do patrimonio comunitario. Calquera cousa que fagamos é posible grazas ó esforzo de todas, cada un no que pode aportar, necesitámonos e seguimos aquí.
Pico pico zarandico
quen che deu tan grande bico?
Foi o padre da botella
pra xogar na sobrecea
Cesta pallesta, rabo de besta
dixo o meu pai que fora esta
Na redonda da abelaira
pega un brinco e ponte en flaira
O Pico Pico Zarandico é un xogo moi popular en Laroá, Fiestras, Nocedo... no que cada persoa que xoga pon o seu dedo índice na mesa. Unha delas fai a rolda recitando o PICO-PICO para ver quen lle toca apandar. Esa persoa vai cara un lugar máis afastado e as outras escollen, sen que as escoite, unha comida que as represente. Entón o grupo di:
"Alza la luna", e responde a persoa que está soa: "Alza el sol" e pregúntanlle: "Que queres millor?" e alguén dille todas as comidas que tiñan pensadas. Aquela que escolla será a persoa que ten que ir buscala ás cabaletas.

https://www.kizoa.com/Movie-Maker/d386034694k4482704o2l1/Pico, pico, zarandico

Arquivada en:
Infórmate > Noticias