Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 31/03/2023 | 31M España vaciada

Non queremos ser un territorio de sacrificio

A Revolta da España baleirada segue viva

31/03/2023 | Lodoselo

Fai catro anos daquel 31 de marzo de 2019 cando o medio rural de todo o estado xuntou forzas para berrar en Madrid e onde fixo falta, que non queremos que se nos pise, que se nos use e que se nos esqueza. Nun mundo frenético e converxente cara o modelo urbano seguimos co convencemento pleno de que a nosa escolla é boa. Eliximos vivir en comunidade, educar e ser educados pola veciñanza tamén, convivir co medio natural e todo aquilo que o habita. Escollemos os pobos e temos dereito a seguir neles, vivir neles e morrer neles con orgullo e calidade.
Hoxe xuntámonos ó son das campás en Lodoselo repenicando para reivindicar dun xeito cómplice e amoroso o noso dereito a estar onde queremos e non ser ameazados con converternos nun territorio de sacrificio ó servizo das grandes industrias e capitais que expolian os pobos pequenos para facer as cidades grandes aínda máis grandes.
Mentres haxa comunidade coa que saír a berrar polo noso paga a pena todo. Hoxe berraron o Mateo, a Rocío, a Lucía, a Uxía, a Elena, o Camilo pero tamén berrou o Victoriano, a Rosa, o Agapito, a María, o Inocencio, a Estrella, a Asunción, o Luís, o Lito e moita xente querida.
Porque non queremos ser un territorio de sacrificio.
A Revolta da España baleirada segue viva.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias