Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 04/01/2023 | Proyecciones 1

Un rural habitable e habitado

Aquí hai futuro

04/01/2023 | A Limia

O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso ten tantas frontes abertas coma necesidades detecta na comarca; levamos un tempo poñendo o foco de atención sobre o despoboamento e por iso onte, martes 3, organizamos un acto en colaboración co Concello de Xinzo de Limia para homenaxear a persoas e axentes dinamizadores da comarca que teñen contribuído á mesma teima a través do audiovisual.
Ademais de atender ás familias de fóra que se queren asentar na Limia e ás familias que xa estando aquí queren consolidar os seus proxectos de vida, o CDR ten traballado, nomeadamente no último ano, na busca de negocios que pechan sen relevo xeracional e proporcionarllo así como con persoas e familias propietarias de casas para que poidan ser usadas por outras xentes. E no CDR O Viso temos fixados xa obxectivos neste empeño para as administracións, os centros educativos e o resto da comunidade.
Onte viviuse un momento especial no que unha manchea de veciños e veciñas repensamos, xuntas, unha ameaza que medra a diario. E fíxose cun ton artístico grazas ao proxecto #eufico e especialmente cos “Retratos do silencio” da Mirian Opazo, unha curtametraxe documental que nos ensinou como se ven os pobos cando falta a xente. Peza premiada no certame Xuventude Crea (Xunta de Galicia); quedou en segundo lugar na categoría de Videocreación. En palabras da artista “os Retratos son unha peza pequeniña, sinxela, mais á que lle gardo especial cariño. Falan do despoboamento, do abandono… aínda que a min préstame dicir que tratan de habitar ausencias”
Fora un grupo de empresas, colectivos e persoas da Comarca ( Sabor de Aldea, Campos Montero Xardinería, A Arca da Noe, o Hostal Rural A Escola, Daquí alimentos ecolóxicos, Carabuñas, O Colmado, Brincas, Fandinga o Forno tradicional Faragullas, O Rego de Coedo e o CDR O Viso) os que lanzaramos a campaña "Eu fico na Limia" para loar algunhas das iniciativas cas que se están a fixar poboación no rural limiao. Aquí hai futuro fora o lema do proxecto #eufico e foi tamén a reivindicación de onte especialmente significativa pola numerosa participación da mocidade representada na Casa de Cultura de Xinzo.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias