Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 02/12/2022 | Congreso Despoblación

Estanlle poñendo cadeado ós pobos

Elaboramos un manifesto, unha guía de loita contra o despoboamento

02/12/2022 | Lodoselo

Onte soñamos cos pés na terra cun rural vivo da man de moitas veciñas e veciños no II Congreso rural limiao do Despoboamento. Unha xornada de formación popular, unha reunión aberta de persoas para tratar un asunto de interese común, dialogando e elaborando algunhas propostas que nos axuden a avanzar.
Unha mostra máis de que a comunidade do medio rural limiao, aínda viva e enérxica, érguese contra a ameaza de quedarmos sen veciños e veciñas con quen convivir.
Falar coa xente coa que convivimos a diario axúdanos a pensar máis e mellor e tamén a saber que non somos individuos illados cunha teima na cabeza senón que somos a veciñanza enteira preocupada por un mesmo tema, o futuro dos nosos pobos.
A asemblea do Congreso elaboramos un manifesto que é unha guía da loita contra o despoboamento. Coa relevancia de que son as testemuñas de xente que veu, alugou ou mercou; de xente que non consegue facelo; de persoas que alugaron, venderon e doutras que non o fan. E coa guía espectacular da persoa que no CDR conduce este “programa de sensibilización e concienciación sobre o despoboamento  e a necesidade de emprendemento no  medio rural", co que a rede COCEDER pretende fomentar o asentamento de novas persoas poboadoras que reaviven os territorios, demograficamente devastados, no aspecto social, ambiental, cultural, laboral e económico... humanos.
A actividade foi máis rica aínda ó poder contar co alcalde de Sarreaus,  Gumersindo Lamas, como representante da administración local co Anxo Louzán da xestoría Xiama como especialista asesor e co Iago Prado de Provivenda para achegarnos tamén a problemática de emerxencia habitacional doutros colectivos aquí na nosa provincia.
Lembrar que dende hai catro anos dispoñemos dunha plataforma http://volveralpueblo.org/ para fomentar o asentamento e a fixación de poboación no medio rural a través dun banco de vivendas, terras, ofertas de traballo e negocios. E sobre todo dun equipo de persoas para axudar acompañando no proceso.
Grazas a quen asistiu, a quen aplaude a iniciativa e a todo/a aquel que fai vida en comunidade no rural. Tamén ó Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, a través da Secretaría do Estado de Dereitos Sociais e da Secretaría para a Axenda 2030, partida que provén da área de Dereitos Sociais e procede da aportación do 0,7% que as persoas contribuíntes facemos na declaración da renda anualmente.

https://www.kizoa.com/Movie-Maker/d389887168k8022199o2l1/II Congreso limiao do despoboamento

Arquivada en:
Infórmate > Noticias