Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 29/11/2022 | Alumnado IES no Cix

Construíndo un territorio diverso e mellor para todas as personas

Se conseguimos unha vila e unhas aldeas pensadas para a infancia, viviremos mellor

29/11/2022 | Xinzo de Limia

O pasado 20 de novembro foi o Día da Infancia e a Adolescencia, no que se conmemora a Declaración Universal dos Dereitos da Infancia do ano 1989. Con motivo deste acontecemento desde o CDR O VISO quixemos traballar coa rapazada de idades diversas para afondar nos catro principios fundamentais: a non discriminación; o interese superior dos nenos e das nenas; o dereito á vida, á supervivencia e ao desenvolvemento; e á promoción da participación infantil. A través da POIG (Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia) e baixo o lema “Participamos, é o noso dereito” leváronse a cabo varias actividades co obxectivo de darlles voz e promover o seu dereito de participaren da vida social e política do concello.

O pasado luns 21 de novembro achegáronse ó CIX un grupo de persoas de Formación Profesional Básica do IES Lagoa de Antela para aprenderen a defender os seus dereitos usando internet, así como participar na Caixa do correo Cidadán da web do Concello de Xinzo de Limia.

Nesta mesma semana, e en colaboración co CEIP e a ANPA Rosalía de Castro de Xinzo de Limia, traballouse cos cursos de 3º e 4º de Primaria co obxectivo de interiorizar os dereitos infantís propios e o respecto polos das demais persoas. A través de dinámicas participativas entre alumnado e profesorado conseguiuse poñerlle nome ós dereitos e deberes das persoas, valorar o poder da palabra e respectar a intimidade. Por último, e para facer real a participación e darlle voz ás necesidades da infancia, as rapazas e rapaces escribiron cadansúa proposta e entregáronas todas no rexistro do Concello de Xinzo de Limia, para que as súas peticións sexan tidas en conta polo goberno municipal. Nun exercicio de responsabilidade colectiva fixeron uso da palabra e solicitaron, entre outras:

  • O coidado, limpeza e melloras do Río Limia
  • A creación de zonas de xogo novas para estas idades en varios lugares
  • Espazos para a práctica do deporte na propia vila, non ás aforas
  • Reducir a presenza dos coches na vila e máis espazos naturais
  • Parques específicos para animais e control dos excrementos nas rúas
  • Compromiso coa non violencia e non ás guerras

Tanto desde o CEIP Rosalía de Castro, a ANPA e o CDR O VISO reivindicamos o noso compromiso cos Dereitos da Infancia; ademais de estarmos traballando nun plan a longo prazo dentro do propio centro e dirixido a toda a comunidade educativa, queremos que outras institucións, entidades, asociacións e a comunidade limiá se unan a este compromiso. Se conseguimos unha vila e unhas aldeas pensadas para a infancia, viviremos mellor.

Esta actividade enmárcase dentro das propostas da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) e finánciao a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través da subvención destinada a programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7% do imposto sobre a renda de persoas físicas.

 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias