Accesibilidad

Noticias 

Este domingo o CDR O Viso en Incombustibles (TVG)

Deixámosche aquí os enlaces por se o queres (volver) ver

28/11/2022

Incombustibles é un programa de innovación social creado por Xaime Fandiño que forma parte da Cátedra de Edadismo AFAGA/ATENDO da Universidade de Vigo.
A X. Fandiño coñecémolo no 32 Congreso Anual de Xerontoloxía e Xeriatría celebrado en Pontevedra; alí contounos  que estaban a gravar un novo programa para a TVG, un magacín interxeracional que trataría aspectos presentes na vida dos maiores, e tamén dos novos, coa vocación de potenciar as relacións interxeracionais, alonxadas de calquera tipo de discriminación ou estigma etario, e favorecer a inclusión dos maiores na vida social máis alá da xubilación. E o 19 de maio pasado viñeron a Lodoselo gravar algo da actividade do CDR O Viso.
O domingo 6 de novembro poidemos comezar a ver o primeiro destes programas.  Desde un plató con estética de desguace, catro personaxes galegos coñecidos, que van desde cerca da sesentena ata case os oitenta anos, xunto a unha banda residente denominada "Deteriorados" e apoiados por reporteiros novos no exterior, desenvolven  o programa "Incombustibles".
Trátase dunha intensa actividade informativa, divulgativa e participativa que, a través dunha actitude rigorosa e desenfadada, atende os intereses dos maiores, pero sempre desde unha óptica interxeracional e inclusiva.
O programa pretende alentar a cada persoa a desenvolver o seu proxecto vital máis alá da xubilación. Reivindican a palabra vello porque a outra opción é peor. É un dos lemas que teñen.
Este pasado domingo, 27 de novembro ás 23.15h saímos en Incombustibles. Así que se non o viches ou se queres volver ver esta cuarta entrega na que apareceu algo do que gravaron naquela xornada que pasaron con nós no Centro de Inclusión e que contou coa presenza do Ceip de Vilar de Barrio nas actividades do Pobo escola...

Velaquí un avance - anuncio do programa:  https://youtu.be/WU78cUOVRpU

E aquí o enlace ó programa enteiro. http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/incombustible-5-5889222?t=3056 A partir do min.38:38 ata o 41: 50 e dende o 50:57 ó 53:23.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias