Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 12/11/2022 |

Sábado en familia no Couto Mixto

O máis grande privilexio era o do autogoberno

12/11/2022

Esta agradable mañá de sábado de outono xuntámonos un grupo de máis de vinte persoas convocados para pasar un sábado máis en familia, nesta ocasión coa idea de coñecer mellor o Couto Mixto, este territorio que temos aquí ben cerca de nós e que durante sete séculos foi independente de España e Portugal. Probablemente un dos primeiros estados democráticos da historia de Europa.
Cun guía de luxo, o Cesáreo, “home de acordo” recorremos algúns dos espazos máis significativos de Santiago de Rubiás, un dos tres pobos xunto con Rubiás e Meaus, que  constituíron unha república de vinte e sete quilómetros cadrados entre dous imperios que se repartiran case o planeta pero deixaron este anaco esquecido (¿?).
No atrio, na igrexa, na sancristía, na antiga reitoral, no diestro... seguimos atentos as explicacións deste veciño, Cesáreo González, que nos contou a lenda que explica o inicio desta curiosa historia e o final co tratado de Lisboa, en 1864 polo que os Pobos Promiscuos, tres aldeas da raia, se integraron en Portugal e a cambio as tres aldeas do Couto Mixto integráronse en España. Fixéronos españois dunha brochada, e catro anos despois empezaron a cobrarlles impostos e os mozos tiveron que facer o servizo militar.
Despois achegámonos ata Meaus, a aldea máis comercial das tres: tiña banco, farmacia, a casa do sal... Impresionantes construcións coas entradas ben protexidas. Rematamos a mañá cun tranquilo paseo comprobando o baleiros que están os nosos pobos e ó tempo valorando as oportunidades que nos ofrecen.

Esta actividade é financiada pola consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través da subvención con cargo á asignación tributaria do 0,7% do imposto sobre a renda das persoas físicas dentro do programa “O noso espazo: encontros de familia, parentalidade positiva e actividades educativas” do CDR O Viso.

https://www.kizoa.com/Movie-Maker/d389213530k7502814o2l1/Sábado en familia no Couto Mixto

Arquivada en:
Infórmate > Noticias