Accesibilidad

Noticias 

Baños de bosque e promoción dos xogos populares e tradicionais

Co alumnado de primaria do Ceip Carlos Casares

10/11/2022 | Trandeiras e Xinzo de Limia

Este xoves, 9 de novembro, fixemos una dobre saída co alumnado de 5º e 6º de primaria do CEIP Carlos Casares. Acompañámolos Tomás -dende a Área Educativa-Ambiental e promoción das contornas rurais do CDR O Viso- e as profesoras que imparten nestes cursos.
A idea era facer un percorrido pola natureza ao longo do Mosteiro de Trandeiras e os seus arredores nesta época do ano, chea de cor e de vida. Inicialmente tíñamos a escusa dos cogomelos pero quixemos enfocalo doutro xeito, os fungos e a súa importancia no medio, o seu respecto e a súa conservación, para os ecosistemas e como recurso sustentable no medio rural.
Ese foi o noso punto de partida, e a partir de aí camiñamos, vimos os exteriores da igrexa do “Bon Xesús” con esa fachada manuelina de tanta delicadeza, adentrámonos no claustro, na parte na que conserva a súa arcada de gran beleza pero tamén visualizamos o seu entorno moi deteriorado. De aí pasamos á parte posterior no que se situaban as antigas hortas do mosteiro e toda a súa rede de canles para levar a auga dende as minas.
Aprendemos a ver como se autoxestiona a natureza, cando as copas das árbores son densas, e a pouca luz que chega ao chan fai que aí non haxa moita vexetación; un bosque que busca a madurez é máis difícil de ser queimado por aqueles que só buscan facer dano. Intentamos captar o bosque con todos os nosos sentidos, deitados no chan puxemos en alerta todos os nosos receptores para escoitar, cheirar, sentir calor, frío, tocar as árbores, saber que outros seres vivos nos acompañan, admitindo que é difícil manter o silencio..., e unha vez comentado aquilo que foi cada un capaz de recibir do bosque encamiñámonos cara o cumio entre o bosquete de cerquiños para observar a Limia dende outro punto de vista.
Por outra banda co alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º estivemos tres educadores do CDR O Viso (Alberto, Camilo e Toño) e o profesorado do Ceip xogando. Unha iniciativa que xurdiu do Ceip e contou co CDR para levala a cabo e que tiña por obxectivo a recuperación e promoción do xogo popular e tradicional.  Divertímonos co pesca botellas, cos birlos celtas, facendo lanzamento de boinas, co aro, esquiando por parellas, facendo correr as tartarugas, co turra soga, co apaña patacas, o sacapauciños, as andas ou zancos, a ra, o queixo, o tiro ó prato, a billarda, os birlos... Moitas grazas por contar con nós nesta xornada e a seguir medrando e pensando a través dos xogos de onte e de mañá, os nosos xogos de sempre como parte cultural e social de plena actualidade.

https://www.kizoa.com/Movie-Maker/d389166526k1271051o2l1/Baños de bosque e Xogos no C. Casares

Arquivada en:
Infórmate > Noticias