Accesibilidad

Noticias 

O despoboamento é a lapa que queima os nosos montes

Revolta da España baleirada

06/10/2022

As plataformas e entidades que forman parte da Revolta – entre as que se atopa COCEDER e polo tanto o CDR "O Viso"- convídannos a tódalas persoas comprometidas co territorio a realizar concentracións nas prazas dos pobos da España baleirada para apoiar o mantemento do sector forestal nestes territorios, apoiando as reivindicacións dos bombeiros e axentes forestais, e para denunciar unha situación que consideran que está a agravar a propagación de graves incendios, como os ocorridos ao longo do último ano. Denuncian que nos oito primeiros meses do ano, España sufriu 54 grandes incendios (de máis de 500 hectáreas) e arderon un total de 252.700 hectáreas de superficie forestal, o equivalente á superficie arbórea da Comunidad de Madrid. Inciden en que os incendios deste verán xa causaron tres mortes, provocaron feridas a 58 persoas e obrigaron a evacuar a case 24.000 persoas entre o 8 de xuño e o 7 de agosto, segundo o informe da Dirección Xeral de Protección Civil sobre os lumes en España.
Desde a Revolta da España Baleirada defenden que a correcta xestión das masas forestais é “o mellor instrumento para previr incendios”, pero tamén para facer fronte ao cambio climático e a outros retos que ten España, entre eles o despoboamento, que é a principal causa do crecemento desordenado dos bosques e a gran acumulación de material seco e altamente combustible. Afirman que a relación entre despoboamento e incendios forestais é clara: “nas zonas con moi pouca poboación os incendios propáganse dunha forma máis descontrolada e o lume arrasa os seus montes e mesmo en ocasións as súas casas”. Indican que a xestión dos montes é fundamental para previr este tipo de incendios, á vez que destacan que os montes sempre foron fonte de riqueza e de traballo en base aos aproveitamentos forestais tradicionais (madeira, leña, resina, micoloxía, caza..), compatibles coa silvicultura, agricultura e gandería extensiva, ademais de que teñen un enorme potencial para o desenvolvemento de actividades turísticas, recreativas, deportivas e sociais, que en moitos casos están a permitir dinamizar economicamente pequenos municipios.
Desde a Revolta da España Baleirada aseveran que “só un medio rural vivo e implicado na xestión da súa contorna, será capaz de levar a cabo esta tarefa” e por iso reclaman o apoio decidido das Administracións a todas estas iniciativas e actividades económicas que fomentarían unha xestión efectiva e eficiente dos montes, reducindo así o risco de incendios. Para reivindicar os cambios que se propoñen, convócase aos veciños dos pobos para concentrarse nas súas prazas este sábado, 8 de outubro, ás doce do mediodía, para ler un manifesto reivindicativo e gardar un minuto de silencio polos falecidos polos incendios. Tamén se convida a realizar un toque de campás desde as igrexas. Na páxina web da Revolta da España Baleirada (www.revueltaespañavaciada.org/) pódese descargar o cartel, onde cada localidade poderá engadir o lugar da concentración, e o manifesto. Desde a Revolta convídase os participantes a realizar fotografías e vídeos para compartir usando a etiqueta (hashtag) #yoparopormipueblo, para visualizar todas as concentracións.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias