Accesibilidad

Noticias 

Encontro Asemblea da Rede do Rural

Na casa-museo da Fundación Uxío Novoneyra

30/09/2022 | Parada do Courel

Mañá sábado, 1 de outubro, estamos convocados a un ENCONTRO-ASEMBLEA da Rede do Rural en Parada do Courel, na casa-museo da Fundación Uxío Novoneyra.
A Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural, da que o CDR O Viso forma parte, xurdiu no ano 2017 como reacción á situación de xeral desfeita que sofre o mundo rural. Constituiuse esta Rede, con vocación de funcionamento asembleario, dentro dunha conformación de pluralidade e coincidindo na inquedanza común de preservar e desenvolver o rural galego.
Unha comunidade diversa de persoas, colectivos, organizacións e entidades vencelladas polo fío transversal da defensa dun medio rural desenvolvido desde a sostibilidade ecosistémica como garante da sostibilidade socioeconómica.
Recollemos e construímos o traballo educativo e dinamizador desenvolvido dende hai máis de corenta anos por colectivos de mestres/as, así coma por multitude de proxectos sociocomunitarios senlleiros  e referenciais espallados polo territorio  rural galego.
Cunha aposta  por
1. Configurar un amplo grupo de acción interdisciplinar comprometido coa análise e procura de alternativas para afrontar o deterioro do rural.
2. Formular demandas, coas oportunas propostas de solucións, diante dos axentes responsables.
3. Dignificar e dinamizar o ámbito rural en todos os aspectos, de xeito comunitario, interxeracional e coa debida revalorización da cultura popular.
4. Preservar e desenvolver un rural con raíces antropolóxicas culturais propias.

https://www.rededorural.org/novas/encontro-asemblea-da-rede-do-rural

Arquivada en:
Infórmate > Noticias